A sentenza contra a Orde de confección de nóminas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza onde se lle daba a razón á CIG adquire firmeza.

O Tribunal Supremo rexeita a casación que presentara a Xunta contra a sentenza gañada por nós no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

O acordo asinado pola Xunta, CCOO e UGT pretendía chantaxear ao persoal laboral fixo para que se funcionarizara xa que de non facelo non cobrarían a carreira profesional.

Isto acaba de ser declarado nulo ao adquirir firmeza a sentenza do TSXG contra orde de confección de nóminas por obrigar ao persoal laboral fixo a se funcionarizar para ter a carreira.

Tamén son nulas todas as disposicións dos acordos anteriores que establecían esta chantaxe.

O que resta agora é executar á sentenza, polo que instamos á Xunta a que se sente a negociar coa CIG a aplicación da carreira ao persoal laboral fixo que non se quixo funcionarizar, que a estas alturas xa tería que estar cobrando o grao II, e por suposto, cobrar os atrasos dende 2019.

Así que para non prexudicar máis do que xa fixeron a este persoal tanto a Xunta como os sindicatos asinantes (chega tarde, cando xa case todo o persoal está funcionarizado) deben SOMETERSE ao que di a sentenza, e recoñecer o dereito e pagar o que lle deben ao persoal laboral fixo.

A partir de agora

• A Xunta terá que sentarse con nós para abrir un proceso de solicitude para aquelas persoas que non solicitaron a carreira porque xa tiñan claro que non se ian funcionarizar e polo tanto non aceptaron a chantaxe con efectos do 1 de xaneiro de 2019.
• Terá que devolver as cantidades paralizadas do grao I da carreira profesional ao persoal laboral fixo que a tiñan solicitado pero que ao final non se funcionarizou.
• Non pode repetir a chantaxe na nova carreira profesional (o complemento de desempeño).