A Vicepresidencia 1ª e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, quere modificar os seis postos de "Secretario/a territorial" (delegacións das catro provincias máis Vigo e Ferrol) para permitir que sexan cubertos por persoal docente ou sanitario.

Estes postos, de libre designación e nivel 30, actualmente están reservados a persoal funcionario do subgrupo A1 de calquera administración autonómica, estado, local e xustiza. Pero non lles chega, e agora queren abrilos a persoal docente e sanitario.

Na nosa Administración Autonómica temos 3.052 postos de subgrupo A1, dos que 936 xa son de nivel 30, 28A ou 28B; polo que nos quedan outros 2.116 postos do subgrupo A1 que poderían acceder aos postos que agora pretenden abrir aínda máis. Entre todos eles e elas, non atopan 6 persoas que se consideren axeitadas?

A apertura xa existente a outras administracións (CC.AA, Estado, Local e Xustiza), non a compartimos, pero ata podemos chegar a entendela como un "mal menor". Pero o persoal docente e sanitario ten uns procesos selectivos e unhas funcións tan diferentes cos do persoal funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galiza, que este movemento só ten a explicación de querer moldear os postos para colocar "amigotes".

Con esta modificación, a Vicepresidencia primeira demostra unha total desconfianza ou menosprezo das empregadas e empregados públicos do subgrupo A1 que ten na propia Administración Autonómica. A mensaxe que transmiten é que este persoal non ten os suficientes coñecementos para poder ocupar un posto de nivel 30 como estes, e polo tanto hai que traer persoal doutras administracións. Mesmo persoal sen formación en funcións administrativas.

Da igual entrar en calquera administración, co temario e as probas que sexan, que despois xa vales para ir para a Xunta de Galiza. É unha ofensa ás empregadas e empregados públicos da Administración Autonómica galega que tiveron que esforzarse, estudar e aprobar unhas oposicións cada vez mais duras, que se algún día queren aspirar a un nivel 30, as súas opcións vense minguadas pola apertura a outras administracións.