O mércores 11 de outubro foron publicados no web de Función Pública os listados coa autobaremación previstos nas convocatorias de procesos selectivos mediante concurso de méritos que establece a Lei 20/2021 (lei da temporalidade). Podes acceder aos anuncios na seguinte ligazón: http://www.xunta.es/rcp/listas/rcp_opo/opo_novas.jsp?lang=gl

O que observamos é que as escalas coa autobaremación publicada corresponden ao subgrupo A1. Esto coincide co manifestado polo director xeral de Función Pública (DXFP) na xuntanza que tivemos ese mesmo día. A maiores, trasladounos que xa remataron de preparar os listados de autobaremación para todas as categorías e escalas, e que nos vindeiros días irían publicándoas.

O DXFP advirte de que os datos son o resultado do declarado directamente polas persoas interesadas. Engade que é consciente de que hai numerosos erros, e ofrece algún dato: di que hai 700 persoas que se repiten en diferentes escalas/categorías, e menciona 10 casos coas máximas puntuacións en escalas diferentes, algo que é matematicamente imposíbel.

Agora, as persoas interesadas terán que acreditar o que declararon.

Lembramos que na negociación das convocatorias a CIG rexeitou o sistema de autobaremación e esixiu a publicación dunhas instrucións claras de como cumprimentar as solicitudes e non sancionar as persoas que non se autobaremasen correctamente.

Cunha declaración responsable os/as aspirantes farán a autobaremación dos méritos pero Función Pública só vai revisar as de maior puntuación ata completar o número de prazas convocadas. Ademais se falseas ou erras podes ser expulsado/a do proceso. Normal no primeiro caso, unha aberración no segundo.
( 10/10/22. https://autonomica.cigadmon.gal/w2/novas-por-contido/263-novas-da-cig-autonomica/5097 )