A Dirección Xeral de Función Pública négase a meter no concurso de corpos especiais, que se vai publicar este 11 de marzo, ao persoal veterinario pero non o xustifica nin dá razóns. A consecuencia é que xa temos ata tres promocións en destino provisional e máis de 700 compañeiros e compañeiras pendentes dunha mobilidade ou dun destino definitivo que nunca chega. 

Tendo en conta que segundo manifestou o Director Xeral de  Función Pública para todos os procesos selectivos as tomas de posesión serán simultáneas e con destinos definitivos despois do concurso de traslados, non entendemos cal pode ser a razón de deixar tanto persoal atrás.

Os ruxe-ruxe de se o atranco o temos en Saúde Pública, nunha suposta amortización de postos ou que se queren valorar determinadas especialidades non é aceptable… que non amolen, se teñen que mudar algo que negocien e o solucionen xa!

Na CIG instamos unha vez máis a convocatoria do concurso de veterinarios/as e tamén da Comisión de Seguimiento do Acordo para avaliar que está a pasar e tamén activar a negociación do famoso e atascado decreto de funcións.

E sabemos que non é o unico concurso que queda pendente, quedan máis escalas dos corpos especiais atrás, demasiadas…isto de ir a cachos pequenos é un atraso para todas. A CIG defende un concurso global xa que temos prazas compartidas e non se pode quedar ninguén atrás, e de seguido IMPLANTAR O CONCURSO ABERTO E PERMANENTE como xa fan moitas administracións dende hai anos. É o máis áxil, o máis lóxico e o máis xusto.