Despois dun breve prazo para formular alegacións, Función Pública pechou o buzón sen responder a máis da metade das alegacións sobre os postos.

De todas as alegacións formuladas pola CiG en relación aos postos do concurso de traslados de corpos especiais (inclusións, exclusións, etc) de máis da metade non temos resposta.

Hai que facer constar que cando nós alegamos por ter coñecemento de que determinados postos que non están no listado inicial deberían aparecer porque son vacantes, o que esperamos é que se inclúan e que no caso de que a administración non os inclúa nos explique o por que, se hai reserva de posto ou o argumento ou criterio polo que o exclúen. Pero non incluílos ou retiralos sen dar explicacións non parece correcto. O mesmo sucede cos postos sobre os que hai dúbidas de que deban estar no listado.

Queremos facer constar que ao non ter acceso a ningún tipo de aplicación ou relación de postos onde se poida saber en que estado está cada posto, se existe algún tipo de reserva, se está vacante ou non, etc, como sindicado NON podemos saber se o hai que incluir ou non no concurso.

Como o prazo aberto é simplemente de inscrición no procedemento e ata máis adiante non se abrirá o prazo para facer a solicitude de postos, consideramos que existe tempo para a modificación (inclusións e exclusións) do listado de buzón de postos, dende a CIG solicitámoslle a Función Pública que volva a abrir o buzón de postos do concurso de corpos especiais e dea as explicacións oportunas sobre cada alegación feita.