No DOG do 04/04/2024 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 2 de abril de 2024 pola que se convocan actividades formativas do marco galego de competencias dixitais ComDix para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais, da Administración institucional de Galiza, da Administración de xustiza, das entidades locais e de administración e servizos (PAS) das universidades do Sistema universitario de Galiza (SUG).

As actividades formativas realizaranse cos requirimentos, a duración e as condicións que para cada unha delas se indiquen no anexo II desta resolución. A información relativa ao desenvolvemento das actividades, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>

O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza e ata o 12 de abril de 2024.

As solicitudes de participación nas actividades formativas só se poderán realizar mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo https://egap.xunta.gal/ matricula, desde as 9.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata as 14.00 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

O número máximo de actividades formativas que se poden solicitar limítase a dúas máis o curso ComDix iniciación 0: Empezamos!

Os criterios de selección que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública, do 10 de maio de 2023 (DOG núm. 96, do 23 de maio); corrección de erros (DOG núm. 130, do 10 de xullo e DOG núm. 148, do 4 de agosto), sen prexuízo dos criterios específicos establecidos na epígrafe «Persoal destinatario» de cada actividade formativa incluída no anexo II desta resolución.