Logo da protesta da CIG-Autonómica o persoal sanitario da Xunta regulado pola lei 17/1989 poderá participar nas accións formativas da EGAP. O máis paradóxico é que a Escola de Formación do Sergas tampouco os viña considerando persoal propio e este colectivo ficaba en terra de ninguén en materia de formación por parte da Administración.

O 7 de abril  o director xeral de Función Pública comunicounos que se asinou un  convenio de colaboración entre a Fundación Pública Escola Galega de  Administración Sanitaria (FEGAS) e a Escola Galega de Administración  Pública (EGAP) para o Desenvolvemento de Actividades de Formación,  Divulgación e Investigación, co obxecto de facilitar que os funcionarios  da Lei 17/1989, de 23 de outubro de creación de escalas de persoal  sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma, poidan participar nos cursos  da EGAP.

Na última Comisión de Persoal,  a CIG solicitoulle ao director xeral da Función Pública que solucionase este problema. Como resultado desta xestión, Función Pública comprometeuse a lle facilitar á EGAP unha base de datos que inclúa ao persoal deste colectivo para que non lles sexan denegados os cursos.

A falta de poder coñecer en profundidade o contido do convenio, valoramos positivamente a súa sinatura de cara permiitir o dereito á formación deste colectivo de persoal da Xunta.