A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), organismo autónomo de carácter administrativo adscrito organicamente á consellaría competente en materia de interior e xustiza, imparte formación ao persoal axente forestal (art. 4 da Lei 1/2007). A Dirección Xeral de Defensa do Monte, da Consellaría do Medio Rural, participa na organización da formación e nos procesos de selección.

A AGASP vén de convocar a actividade formativa “Análise de incendios forestais”, de 120 horas e 40 prazas, cuxa impartición é en liña. Entre os criterios de selección establecidos pola AGASP indícase que terá prioridade o persoal fixo sobre o temporal e que de acordo coa Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galiza, reservarase un 50 por cento das prazas para mulleres que reúnan os requisitos esixidos na convocatoria.

Os criterios de selección que está a empregar a AGASP son discriminatorios, tendo en conta que se prioriza o acceso dun persoal sobre o outro con base no tipo de vínculo contractual, criterio xa condenado polos tribunais, e que ocasionou a súa eliminación de todos os procesos de selección para a formación de organismos como a EGAP.

Por outra banda, a AGASP establece nas súas convocatorias a reserva do 50 por cento das prazas a mulleres, pero nas listaxes feitas públicas non constan todos os datos que permitirían ás persoas solicitantes comprobar se efectivamente esta reserva se levou a cabo; e no caso da formación “Análise de incendios forestais” coñecer cal foi a puntuación obtida por cada unha das persoas que competiron por unha das prazas deste curso e saber cales son os motivos que están a ocasionar que haxa un número tan escaso de mulleres que accede á formación en comparación cos homes.

As listaxes de persoal resultantes da xestión dos procesos de acceso á formación convocados pola AGASP non desagregan os datos por sexo, e ademais a linguaxe empregada nas convocatorias de formación non é neutra e inclusiva, aspectos aos que obriga a normativa de igualdade.

Dende a CIG solicitámoslle a AGASP e á Dirección Xeral da Defensa do Monte:

  • A anulación da selección levada a cabo para este curso de “Análise de incendios forestais”, por térense aplicado criterios discriminatorios, e a aclaración da concesión de máis prazas das convocadas; así como a repetición da selección de persoal con criterios obxectivos que respecten a normativa vixente.
  • A publicación das listaxes íntegras de selección onde se fagan constar: 1) a relación íntegra de solicitantes da formación desagregada por sexo; 2) o persoal excluído; 3) os motivos das exclusións; 4) a puntuación acadada por cada admitida/o.
  • A aclaración dos motivos polos que só foron seleccionadas 12 mulleres fronte a 45 homes, e a comprobación de se se está a producir unha discriminación indirecta de xénero nos criterios de selección aplicados no acceso á formación.
  • Que se garanta a inclusión sistemática da variable de sexo en todas as listaxes do persoal en materia de formación, como estipula a normativa de igualdade e se esixe para posibilitar a elaboración das diagnoses dos plans de igualdade que conten con datos estatísticos reais.
  • Que se garanta en todas as convocatorias de formación o emprego dunha linguaxe inclusiva e neutra.