Parece que era norma da antiga Dirección Xeral de Función Pública ocultar información ás persoas traballadoras e aos seus representantes. A nova directora xeral de Emprego Público acaba de chegar pero non comeza con bo pé: convocan o concurso de corpos xerais e no listado de postos publicado retiran 180 con respecto ao listado de febreiro.

É verdade que con respecto a aquel aumentan os postos pero iso débese ao seguinte:

  Postos
 Listado (20/02/2024) 2.879
 Engadidos (15/05/2024) 377
 Retirados (15/05/2024) 180
TOTAL
3.076


Engaden 377 postos, o cal nos parece moi ben, pero a cuestión é por que retiran 180? Dende a CIG consideramos que se debe dar unha explicación para esa retirada, pois hai moitos destes que son postos de nivel (entre eles 16 seccións, 10 negociados, 13 de niveis 20-22, etc). Deses postos excluídos só deron explicación razonada da retirada de 13 deles ("Retírase da oferta" non é razoar a exclusión). E o resto?

Entendemos que cando se activa a aplicación da caixa de postos (“buzón de postos”), isto é para que aleguemos sobre os postos pero tamén para que nos dean unha explicación, neste caso, de todas as exclusións, por transparencia e por respecto ao persoal funcionario de carreira que vai participar neste concurso.

Por iso a CIG ven de esixirlle á nova directora xeral de Emprego Público que nos dea una explicación pola exclusión de todos e cada un dos postos que figuran neste listado. E evidentemente esixiremos que nos casos onde non haxa unha causa xustificada se engadan ao listado do concurso ANTES de que remate o prazo de presentación de solicitudes.