Antes de comezar queremos salientar que gran parte dos males e agravios que se derivan desta modificación da RPT son froito dunha xestión nefasta por parte da consellería e da DXEP, que tal e como se lles indicou NON TIÑAN QUE TER RETIRADO OS POSTOS DO CONCURSO DE TRASLADOS.

Lembramos que se lles fixo notar que en último caso se podía prorrogar en 15 días o prazo para a elección de postos do concurso (despois de ter esperado un ano), e se non daba tempo, os postos poderían figurar no listado de postos do concurso coa observación de “posto obxecto dunha posible modificación” e incluso dando conta da natureza desa modificación. E lembramos tamén que non podían saír a concurso os postos porque era “urxentísimo” e tería que estar feita a modificación a 30 de abril.

Se o obxectivo era potenciar e fomentar que os postos das oficinas de emprego tivesen estabilidade e se cubrisen con vocación de permanencia por persoal funcionarios de carreira, o concurso era o instrumento óptimo para facelo: a modificación podería terse feito sen que cesase o persoal interino ata a toma de posesión do concurso de traslados, e tamén se daría a opción ás persoas funcionarias de carreira de acceder a eses postos, mesmo a aquelas que estaban desempeñando posto de nivel inferior nesas mesmas oficinas.

A opción da consellería, pola contra vai implicar, modificar os postos e que non se poida optar a eles ata un futuro concurso de traslados e por tanto van ter que utilizar o recurso das comisións de servizo, que como sabemos van utilizar ao seu antollo. Ao mesmo tempo, a modificación así feita vai implicar cesar ao persoal interino e os postos que non se cubran mediante comisión terán que volver a facer chamamentos das listas, algo a toda vista absurdo.

Isto tamén implica que o persoal funcionario de carreira que ten actual destino definitivo nesas oficinas, van ver como soben niveis de postos da súa oficina pero non os seus, e que ao non poder concursar a eles ao ser retirados do concurso, van ter que solicitar outros en comisión de servizos, porque á Xunta non lle deu a gaña de abordar globalmente esta modificación. E outras persoas en destino provisional van ver como quedan ao dispor ao amortizar os seus postos.

E isto é especialmente grave no rural e nas localidades onde hai poucas prazas e para facer carreira administrativa o persoal funcionario de carreira tense que desprazar ata unha das grandes cidades.

En relación aos postos de dirección oficinas emprego ata o de agora eran maioritariamente postos de concurso, e uns poucos de LD e concurso específico.

Se falamos de estabilidade e profesionalidade, debemos avogar polo concurso ordinario como forma de provisión, opoñéndonos á proposta de concurso específico, que non deixa de ser unha libre designación encuberta. Pensamos que a diferenza de niveis debese establecer en función do número de demandantes de emprego e que hai que buscar unha solución global e non só basearse nos postos vacantes (ao igual que no resto de postos, como na creación de postos de persoal subalterno con nivel 12 mentres se deixan os existentes no nivel 10).

Dende a Administración comentan que estudarán a petición de que a súa cobertura sexa por concurso ordinario.

A pretensión de crear postos de xestores de emprego de nivel 20 abertos a A2, C1 e C2, amortizando postos de C2, C1, A2 e A1 e postos de coordinación de área pode provocar un importante conflito de funcións e de retribucións. Nunha mesma oficina convivirán, para desenvolver as mesmas tarefas, xestores emprego (N20), C1(N14), C2(N12) e laborais (grupo IV-1) non funcionarizados. A administración limítase a comentar que conforme vaian quedando vacantes os postos de C1, C2, A1 e A2, serán transformados en xestores de emprego.

A Administración di que os novos postos de xestores de emprego serán ofertados en comisión de servizos con prioridade para o persoal da propia oficina de emprego. O que non aclara vai ser que pasa co persoal funcionario que está en destino provisional en postos que se amortizan e van quedar a dispor. Se entende que si se prioriza segundo o criterio antes anunciado terían que ter destino provisional nos novos postos ata a futura elección de destino definitivo.

Facemos fincapé na contradición de que se predican que a homoxeneización das OOEE é un obxectivo primordial creando un modelo único, como é que nas OOEE de As Pontes, Viveiro, O Carballiño, Celanova, Xinzo da Lima e Verín, non se crea ningún posto de xestor de emprego.

No caso do persoal orientador, os postos se pasan do nivel 18 ao 20 sen facer amortizacións nin creacións, o cal demostra que isto se pode facer no resto dos postos doutros corpos e escalas.

En relación ás coordinacións do Servizo Público de Emprego de Galiza que pretenden centralizar en Compostela pedimos que para un mellor desenvolvemento das súas funcións de coordinadores/as das oficinas de emprego, os postos da SPEG deberían radicarse nas direccións territoriais, xa que terían unha maior presenza coas oficinas da súa provincia. Ademais hai que rachar coa centralización administrativa e promover postos con nivel nas localidades. Tamén pedimos que a forma de provisión sexa de concurso ordinario xa que na memoria non hai xustificación algunha para que sexa de concurso específico.

A Administración acepta desconcentrar os postos e ubicalos nas direccións territoriais.

Tampouco se xustifica a diferenza de catro niveis entre os/as técnicos/as de emprendemento e os técnicos/as de orientación e prospección laboral do centro de orientación e emprendemento.

E sobre a creación do servizo de atracción de talento denunciamos que non se crea un so posto nas provincias cando nestes momentos e dependendo da subdirección xeral do Retorno, da Secretaría Xeral de Emigración, hai 21 persoas cun perfil de xuristas, orientadores laborais e traballadores sociais, vinculados á xestión de fondos Next Generation que desenvolven as mesmas funcións que as establecidas na memoria de creación do servizo de atracción do talento. Así que pedimos a creación de emprego estrutural nas direccións territoriais para o desenvolvemento tanto das accións correspondentes á Emigración como a Emprego. Respecto ás oficinas retorna din que rematados os programas de Next Generation crearán os postos en RPT.

Sobre os Servizos de Mediación, Arbitraxe e Conciliación creemos que hai que dimensionar incrementando efectivos alí onde polo volume de conciliacións se precisen máis efectivos, como é o caso de Vigo que á maior cidade industrial de Galiza.

Presentaremos as alegacións por escrito antes do vindeiro martes ás 14 horas e haberá unha segunda xuntanza na semana seguinte.