O martes 24/06/25 tivemos unha nova reunión sobre a pretensión de reorganización do Servizo Público de Emprego de Galiza (SPEG) coa nova configuración da estrutura das oficinas de emprego. Hai que lembrar que a administración partía dunha proposta en que o servizo quedaba conformado polo seguinte persoal:

  • Direccións, niveis 26 ou 25 sen manifestar criterio obxectivo para a súa distinción, provisión en concurso específico.
  • Persoal orientador co incremento do nivel para establecelo no CD 20 e CE 20.
  • Persoal xestor de emprego, CD 20 e CE 20.
  • Subalterno oficina de emprego, CD 12.
  • Coordinacións do servizo público de emprego, catro postos N25, provisión concurso específico, localizados en Servizos Centrais.

Esta proposta, ofertada pola secretaría xeral técnica para o persoal das oficinas na primeira mesa negociadora do pasado 14/06/25, tivo unha modificacións substancial á baixa na 2ª xuntanza do día 24/06/25, producíndose unha rebaixa de niveis aos seguintes postos de traballo:

1. Persoal de Orientación, establécese o CD no nivel 18 e mantense o diferencial do CE no 20.
2. Xestoras/es de emprego, mínguase o CD ao nivel 18 e mantense o diferencial CE no N 20.
3. Xa non pode mudarse a denominación do persoal coordinador de área pola nova figura de xestor de emprego pola imposibilidade de reducírselle o CD que ten o seu posto, N20.

Esta improvisación da negociación que a Consellaría achaca a Facenda, non pode ser compartida pola CIG, polo que lle esiximos a Emprego que manteña os niveis dos postos propostos na presentación da modificación da RPT e, ao mesmo, tamén continuamos coa  esixencia da descentralización administrativa dos seguintes postos:

a) Coordinadoras/es SPEG a crearse en cada unha das direccións provinciais. O seu traballo, de acordo coa memoria explicativa, é para asesorar. coordinar e orientar ás oficinas de emprego do seu ámbito provincial.
b) Servizo de atracción do talento para traballar, esencialmente, co actual plan retorna que desenvolve a secretaría xeral de Emigración.

Tampouco compartimos que os postos de dirección de oficinas e os postos de coordinación SPEG teñan como forma de provisión o concurso específico amparándose na “estabilidade”; esiximos a cobertura polo concurso ordinario que si é garante da estabilidade.

Esta proposta trae unha importante perda de efectivos; na maior parte das oficinas de emprego hai unha redución do número de postos de traballo. Ao mesmo, tamén esiximos a descentralización administrativa como mellor forma de prestar un servizo público. Non se sustenta que para traballar coas oficinas e coas usuarias da periferia se coloquen os postos en servizos centrais.

A periferia tamén existe e ten dereito a postos de nivel para a promoción administrativa e económica do persoal funcionario público.

Non sabemos que nos vai deparar a próxima reunión, pero non imos pasar porque nos queiran colar ocorrencias de última hora.