Seguimos con avances escasos e lentos

  • Criterios de concesión da prestación de risco para o embarazo

O servizo de prevención infórmanos de que se acordou aplicar con Ibermutua, dependendo do posto de traballo que se realice, un criterio uniforme á hora de establecer a data, na que o desempeño do posto sexa considerado como risco para o embarazo, e que non haxa diferenzas entre postos iguais, como está a pasar. Nos centros de protección de menores considerarase que hai risco dende o inicio do embarazo.

  • Medición do gas radon

Iniciaranse os trámites necesarios por parte da consellaría para realizar a medición do gas radon en todos os centros, tal coma obriga a normativa.

  • Avaliacións de riscos psicosociais

Acórdase facer estudos psicosociais en varios centros con problemática.

  • Altas temperaturas

Informan de que se están a facer medicións de temperatura e a adoptar medidas urxentes nos centros máis afectados. Esiximos que, dado o cambio climático que estamos a sufrir, sería preciso acondicionar tódolos centros da consellería, dotándoos de climatización, cuestión que din que se estudará. De momento aconsellan que as direccións dos centros lles vaian transmitindo as necesidades que consideren urxentes.

  • Agresións no Centro de Atención a Persoas con Discapacidade da Coruña

Pedimos que avalíen a situación, xa que están a ser moi habituais os casos de agresións. Falarán coa dirección para ver o que acontece e tratar de solucionalo.

  • Obras na Residencia de Maiores de Oleiros

Coas obras do centro estanse a deteriorar de forma importante zonas do pavimento dos corredores, polo que se dá conta ao servizo de prevención para adoptar as medidas oportunas.

  • Obras no Complexo Residencial de Atención a Persoas Dependentes de Vigo

Recordamos que está pendente poñer a funcionar un elevador, e solucionar o tema da rampla de acceso, ao que responden que está en proceso.

  • Tempo de resposta ás solicitudes de adaptación e informe de restricións

Tardan moito en resolver as solicitudes de adaptación de posto e, a cotío, unha vez resoltas, veñen sen informe que especifique as restricións, especialmente no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Aclaran que están tratando de implantar unha aplicación que permita axilizar os prazos, e que na resolución debe ir o informe das restricións, polo que procurarán solucionar ese erro.

  • Asistencia psicolóxica. Protocolo de actuación fronte a situacións de violencia

Á hora de implantar este protocolo está a haber problemas para facer efectiva a asistencia psicolóxica, que si vén incluída nel. O servizo de prevención falará con Ibermutua para ver como se soluciona isto.

  • Problemática coa uniformidade

Expoñemos a problemática que está a haber coa entrega de uniformidade en certos centros, e preguntamos como se está a xestionar na actualidade este tema. A consellaría pide que lle mandemos unha relación dos problemas para tratar de solucionalos.

  • Dificultade de cobertura en certas categorías, e falta de descanso. Medidas para adoptar

A consellaría non quixo incluír este punto —proposto pola CIG— na orde do día, porque consideraba que era un tema de xestión de persoal, cando é máis que evidente a problemática, tanto física como psicolóxica, que está xerando isto ao persoal afectado. As persoas traballadoras non saben se nalgún momento van poder descansar, se van poder gozar das súas vacacións ou llelas van denegar o día antes por falta de cobertura, despois de levaren traballando días seguidos sen descanso e cos servizos mínimos.

Continuamos na loita por mellorar as condición de traballo nos nosos centros!!!