Moitos dos concursos de traslados do persoal funcionario da Administración Autonómica actualmente convocados están parados ou gravemente afectados por medidas xudiciais. Dende a CIG convidámoste a asistir ás asembleas que convocamos para falarmos dos problemas e da situación de todos os concursos de traslados e das consecuencias das sentenzas e das medidas cautelares sobre prazas ofertadas que están ocupadas en destino provisional.
A asemblea prevista para o luns 8 de setembro en Compostela, que ía ser no salón de actos de San Caetano, pasa ao salón de actos de Sanidade (San Lázaro), mesmo día (luns 8) e mesma hora (11:00 h).
O motivo do cambio é que cando xa tiñamos confirmada a dispoñibilidade do salón de San Caetano, feita a reserva, e anunciada a asemblea, recibimos unha chamada da Consellería de Presidencia anulando a reserva porque seica necesitaban o salón para un acto. Esta non é a primeira vez que Presidencia nos denega un salón xa reservado, e como xunto con isto a EGAP tamén nos denegou o salón de actos para os días 9 ou 10, sospeitamos que o que hai en realidade é un intento do goberno do PP do Presidente Rueda de boicotear a acción sindical da CIG como lexítima representación do persoal empregado público.
Con isto, vémonos obrigados a modificar o lugar da convocatoria da asemblea de Compostela, mantendo a data e hora, trasladando a asemblea ao salón de actos de Sanidade (San Lázaro).
No resto de localidades non hai cambios, agás que engadimos unha asemblea en Ferrol:
Luns 8 de setembro
- Compostela, ás 11:00 h, no salón de actos de Sanidade (San Lázaro)
Martes 9 de setembro
- Pontevedra, ás 10:30 h, na sala de conferencias (fronte á cafetería)
- A Coruña, ás 11:00 h, no salón de actos
- Ferrol, ás 11:00 h, na sala de usos múltiples
- Ourense, ás 12:00 h, no salón de actos
- Vigo, ás 12:30 h, no salón de actos
- Lugo, ás 12:30 h, no salón de actos