Emprego Publico convocounos a unha reunión o venres 12/09/2025 para dar explicacións sobre a solución que lle quere dar ao bloqueo do concurso de enxeñarías, arquitecturas e ciencias:
• Das 292 persoas dos concursos de enxeñarías, arquitecturas e ciencias, tomarán posesión todas menos as 8 persoas que teñen adxudicados postos afectadas por medidas cautelares, que o farán mediante unha resolución posterior sobre postos similares e con carácter de destino definitivo.
• Para iso requírese a previa modificación da RPT (e afectaría tamén a prazas da escala de bioloxía para que haxa suficientes) abrindo postos a varias escalas (non adianta cales).
• As prazas serán codificadas como prazas de nova creación e non como código cero. E se vai considerar que as prazas de orixe das 8 persoas as que agora se lles adxudica unha nova se adxudiquen en resultas si se pediron.
• Previa á toma de posesión do concurso farán os actos de elección de destino do persoal que está en provisional nun acto único (con varios anexos de prazas segundo agrupación de escalas). A orde sería que primeiro pedirían as persoas do A1 e logo A2 da promoción máis antiga e logo seguiría esa sucesión nas seguintes promocións, se as houber, e nos procesos de estabilización (concurso e concurso-oposición nesa orde).
• Di que, a pesar de que lle pedísemos que non fixera tomas de posesión dende que tivemos coñecemento da sentenza, tivo que facelo nas enxeñarías que tiñan pendentes porque si non terían que incrementar as prazas nos procesos de estabilización da lei 20/21, ademais de instalo a Valedora do Pobo.
• Di que non advirte problemas para dar destinos definitivos ás persoas de estabilización despois do concurso, porque a literalidade da lei galega de temporalidade recolle que serán provisionais ata que se realice un concurso, cousa que está en marcha.
• Declara que coa solución aportada se duplican postos pero non persoas, polo que o custo é asumíbel.
• Finalmente di que tampouco se sabe cal vai ser o sentido das futuras sentenzas.
Pero, o máis salientábel desta xuntanza son os silenzos, omisións e as negativas:
1º. NON nos facilita “polo de agora” as extensións de sentenza que poida haber, nin as medidas cautelares, nin dá información sobre si existe algunha nova sentenza que dea lugar a que se sigan podendo pedir extensións, nin di cantas prazas hai afectadas, de que corpos e escalas e que concursos están afectados por solicitudes de extensión de sentenza. Simplemente sinala que hai unha recorrida en casación.
2º. NON se compromete a adoptar a mesma solución de cara ao futuro no caso de que aparezan novas sentenzas despois da toma de posesión do concurso de enxeñarías, arquitecturas e ciencias.
3º. NON se compromete a que a creación de prazas se estenda máis aló deste caso, ao resto dos concursos de traslados convocados, o que nos fai supor que o que van facer será retirar do listado de vacantes ofertadas as prazas afectadas nos seguintes concursos sen crear nada.
4º. NON vai manter as prazas de concursantes que se xubilaron para que poidan permanecer no concurso.
5º. NON vai facilitar un cronograma da resolución de todos os concursos presentes, nin da convocatoria dos que faltan.
En conclusión, a DXEP limítase a ofrecer unha solución para o caso concreto das 8 persoas afectadas polos autos de medidas cautelares no concurso de enxeñarías, arquitecturas e ciencias, pero non ofrece solución para as prazas afectadas por sentenzas que poidan saír despois da elección de destino ou nos demais concursos de traslados.
Ao adoptar estas decisións só nos vai quedar a vía do conflito e a mobilización.