Un ano máis a EGAP solicita á CIG a achega de propostas de actividades formativas de cara á elaboración do seu plan de formación anual, manténdonos á representación legal do persoal á marxe dos criterios de selección empregados.

Na CIG volvemos recibir a invitación da EGAP para facérmoslle «propostas» de accións formativas para o ano 2026. 

Como vén sendo habitual até agora, a Escola maniféstanos que fará unha selección das propostas de formación transversal, mentres que no caso das materias específicas  trasladará as propostas recibidas ao persoal coordinador de cada consellaría, que será o que tome as decisións. Seguimos sen coñecer a día de hoxe cales son os criterios desta selección manexados tanto pola EGAP como polas persoas coordinadoras de cada consellaría.

Neste proceso de elaboración do plan de formación anual a participación directa do persoal é inexistente. A EGAP non atende a petición reiterada por parte da CIG de que, ao igual que fan outras escolas de Administración Pública, o proceso de elaboración do plan anual de formación sexa transparente, negociado coa representación do persoal e conte cunha enquisa de detección de necesidades previa que guíe a toma de decisións, de xeito que a oferta se axuste ás demandas reais de todo o persoal da Administración autonómica por igual.

Así e todo, e tendo en conta as habituais limitacións, podes facernos chegar as túas suxestións e incorporarémolas á nosa proposta. O prazo para que a CIG as presente é até o 8 de outubro, así que procura enviárnolas até o mércores 1 de outubro, para dispormos de tempo suficiente para recompilalas todas.

Mentres, continuamos a traballar «POR UNHA EGAP TRANSPARENTE E EN GALEGO»!