A CIG ven de demandar que a Dirección Xeral de Emprego Público solucione o problema á hora de elixir postos no concurso de traslados de persoal coidador.

O persoal auxiliar coidador desempeña as súas funcións en prazas itinerantes, o que implica que os seus postos non estean adscritos de maneira fixa a un único centro educativo, senón que se distribúen cada curso escolar segundo as necesidades do servizo dentro do ámbito do departamento territorial correspondente.

Esta particularidade crea incerteza e falta de transparencia á hora de participar no concurso de traslados, xa que nos postos non figura ningún dato que poida suxerir onde está localizado concretamente cada posto neste curso escolar, figurando así a maioría dos postos dependentes da Consellería de Educación como “AULAS E.E. CENTRO PÚBLICO PROVINCIAL (nome da provincia)”.

De aí que solicitemos que a administración publique un novo listado de postos actualizado onde consten os datos do centro e localidade de cada posto durante o curso escolar 2025/26.