Estamos a ter asambleas en toda Galiza e a conclusión xa está a ser, sen dúbidas, a necesidade dunha nova mobilización do persoal do SPIF. É por iso que queremos aproveitar a data simbólica do 17 de novembro para mobilizarnos diante do edificio da Xunta en solidaridade cos 938 compañeiros e compañeiras bombeiras forestais que nesa data xa remataron de traballar no SPIF, debido ao comezo da suspensión dos seus contratos.

Noutras comunidades autónomas os gobernos xa melloraron as condicións laborais do persoal de extinción de incendios, ou están no camiño, pero a Consellería do Medio Rural ignora as necesidades do servizo e abandona ao seu persoal, negándose a abrir unha mesa de negociación. Na vez de empregar e mellorar os recursos propios tentou, primeiro, culpabilizar ao goberno estatal da sua incompetencia na xestión dos lumes, e agora está, de novo, usando como arma política a ausencia absoluta de medidas de restauración do monte após os incendios.

Mais o persoal do SPIF conformamos un servizo público esencial nas multiemerxencias do medio natural e rural e, ademais de traballar na extinción e na prevención dos incendios forestais, poderiamos estar a axudar na restauración e na contención do desastre ecolóxico e de saúde pública que se está a dar nas comarcas devastadas polos lumes deste verán. Para a nosa consellaría apenas existimos e após a vaga de lumes aumenta o orzamento para o lume externalizando funcións, sen que un só euro se destine a mellorar as condicións laborais ou a seguridade do seu propio persoal.

Non nos queda outra que loitar, con accións como a vindeira mobilización do día 17 de novembro ás 11:30h en Compostela, diante do edificio da Xunta en San Caetano (diante da antiga estación de autobuses).

Pola mellora das condicións laborais, os salarios e a seguridade no noso traballo!

Por un servizo profesional e formado que traballe todo o ano!