A Oferta de Emprego Público (OEP) do 2025 quedou aprobada co voto en contra de CIG e CSIF, e abstención de CCOO e UGT. É unha OEP que non resolve as necesidades de relevo do persoal, nin aborda o dereito de promoción interna.

A oferta consta de 765 prazas de acceso libre e de 300 de promoción interna separada, xunto con 38 para entes instrumentais. Falta a oferta de persoal funcionario de escalas sanitarias.

Como é habitual nas OEP, a negociación foi inexistente, un simple formulismo. Mesmo a primeira relación de prazas (anexos) foinos entregada, en papel, na propia mesa de negociación.

Asegura a directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP), que con estes números van o máximo legal de oferta. Pero desta vez nin sequera da datos de xubilacións, excedencias, etc.

PROMOCIÓN INTERNA SEPARADA MEDIANTE CONCURSO-OPOSICIÓN

A promoción interna non consume taxa de reposición de efectivos, polo que non existen razóns para que se limiten a ofertar 300 prazas. A CIG reclama unha promoción interna moito máis ampla, mesmo sen límite de prazas, e cun modelo diferente, que podería consistir nun proceso de concurso, ou formación ..., a negociar. A CIG opta por unha promoción interna extraordinaria por concurso.

Ofrecen 2 prazas para promocionar a A2-consumo dende C1-consumo. E todo o demais, 298 prazas, son para administración xeral sen escala (o que coñecemos como corpos xerais), de A1, A2, C1 e C2. Non hai nada máis para as escalas nin de administración xeral nin especial.

Ninguén vai poder presentarse para cambiar de escala dentro do mesmo subgrupo (negan a promoción horizontal). E restrinxen moito a vertical dende o subgrupo inmediatamente inferior: 

  • O persoal das escalas de A2-turismo e consumo pode ir ao corpo superior-A1.

  • O persoal de calquera escala de agrupación profesional pode ir ao corpo auxiliar-C2.

  • En todos os demais casos, non se permite cambio de escala

A CIG defende que mentres as persoas aspirantes cumpran cos requisitos esixidos de titulación e permanencia, poidan cambiar de escala. Así, queremos que se permita a promoción vertical dende calquera escala do subgrupo inferior, e horizontal dende outras escalas do mesmo subgrupo, en todos os casos e con reciprocidade nas respectivas promoción que se convoquen, para todos os corpos e escalas. 

En definitiva, rexeitamos a promoción interna por reducida e por restritiva.

ACCESO LIBRE E PROMOCIÓN INTERNA CONXUNTA CON LIBRE

Estamos nunha Administración envellecida. E iso só se soluciona ampliando o número de persoas novas que entran para ir preparando os relevos que van sendo necesarios. Así que a oferta de acceso libre parécenos insuficiente. 

Para estas prazas non indican a forma de acceso (pola experiencia destes últimos anos, probablemente queiran que sexa mediante oposición pura). 

Cando non haxa promoción interna separada, as escalas terán obriga de ofertar un 25% por promoción interna que, se non se cubre, pasa a libre. A CIG demanda unha promoción do 50% mínimo.

OUTROS ASPECTOS DA OEP

A maiores, defendemos que incluíran na OEP as seguintes cuestións:

  • Procesos áxiles: non pode ser que dende a publicación da oferta pasen 2-3 anos ata a convocatoria, e outros 2-3 anos ata o nomeamento.

  • Quen ocupe un posto aberto ao corpo/escala á que promociona, estará obrigado a permanecer no posto. CIG quere que permanecer ou escoller destino sexa unha opción, non unha obriga. En sentido contrario, queremos unha fórmula que busque facilitar quedarse no posto ou polo menos na localidade a quen promocione.

  • Tamén queremos que a Xunta se implique a impulsar ante o Goberno e Parlamento do Estado, as medidas legais necesarias para permitir a promoción dende un subgrupo que non sexa o inmediatamente inferior.

ANEXO DE PRAZAS

Se é do teu interese, aquí tes o anexo de prazas