A CIG interpuxo demanda ante a inacción da dirección do CIAM en PRL

A Inspección de Traballo confirma que na unidade de lactación do CIAM existía desde 2019 – 2021 unha avaliación de riscos que xa identificaba o mal estado dunhas cubertas de fibrocemento e propoñía a súa reparación. A pesar diso, non se actuou durante anos, deixando ao persoal traballador exposto a diario a dous riscos especialmente graves:

  • Desprendementos de material construtivo das estruturas deterioradas sobre as persoas traballadoras. 
  • Exposición aos riscos potenciais por exposición ao amianto (asbesto), recollidos no RD 396/2006 (enfermidades respiratorias; asbestose; cancro de larinxe, de pulmón, gastrointestinal, mesotelioma,...).

Tras a actuación inspectora, AGACAL iniciou a contratación para retirar as cubertas mediante unha empresa autorizada, pero só despois da intervención da Inspección. O risco era coñecido e non se executaron as medidas necesarias.

A CIG denuncia a situación de abandono das instalación e os incumprimentos sistemáticos da planificación preventiva dos centros de AGACAL. 

Neste caso concreto, existía un proxecto de remodelación total das instalacións e unha asignación concreta de fondos EU para a execución da unidade nova, pero a dirección de AGACAL non levou adiante o proxecto, renunciando así aos orzamentos. Agora teñen que recorrer á vía de urxencia para dar cumprimento aos requirimentos.