A Axencia Galega da Calidade Alimentaria convócanos por fin a negociar, pero a orde de puntos a tratar é insuficiente e…..interesada?

Creación dunha praza de xefatura de sección de habilitación

A creación da praza, según nos trasladan, responde a unha inaxeitada dotación de persoal na creación da axencia que agora intentan corrixir. Están a recibir axuda para a xestión das nóminas da Consellería e con esta creación perseguen acadar a autonomía plena na xestión.

As prazas a amortizar levan tempo sen ocupar, pero na CIG lamentamos que a amortización da praza de  Auxiliar de Internado de Guísamo segue a consolidar a perda do servizo público que supoñía o internado da escola.

Apertura das prazas de Director/a dos Centros de Formación e Experimentación Agroforestal a docentes

Na actualidade, estas prazan poden ser ocupadas por persoal funcionario da Xunta de Galiza. Coa modificación abriríanse a ser ocupadas indistintamente por persoal funcionario da Xunta, do Estado, de outras Comunidades Autónomas e persoal docente con destino en Galiza.

Na documentación xustifican a apertura das prazas ao profesorado de Educación en base á finalidade esencialmente educativa dos CFEAs.

Porén, na intervención o argumento principal  da dirección de AGACAL é que teñen dificultades para cubrir algunhas prazas, especialmente as dos centros de Lugo, e concretan que a praza de dirección do CFEA de Becerreá estivo varios meses sen cubrir habendo profesorado da Consellería de Educación interesado.

A CIG consideramos que estas prazas sempre foron cubertas con persoal propio. Non está suficientemente xustificada a necesidade de abrir as prazas a outras escalas. Se hai dificultades para cubrilas, o que habería que preguntarse é por que ninguén as quere. Preocúpanos especialmente unha apertura tan ampla por ser de Libre Designación.

En calquera caso, de abrírense as prazas a persoal de fora de Galiza, deben engadir como requisitos:

  • formación específica: 640 Para persoal doutra administración, curso de perfeccionamento de galego, xa que as están abrindo a persoal doutas CCAA.

  • 544 MASTER UNIVERSITARIO EN FORMACIÓN DO PROFESORADO OU EQUIVALENTE. O perfil pedagóxico e as razóns de adecuación normativa que alegan na xustificación funcional non se sosteñen sen este requisito indispensable.

Dirección do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo: retirar o requisito indispensable de Doutorado en materia agraria

Tal como din na memoria funcional, insisten en que “a idoneidade para a dirección dun centro de investigación se xustifica dende a capacidade xestora e directiva de quen a exerce, non desde o nivel académico investigador”. 

Que di a CIG:

  • Que expliquen por que puxeron o requisito ás agachadas na RPT  de 2021. Ningunha OOSS o solicitou, tampouco se xustificou en ningún documento naquel momento.

  • A CIG solicitou a xustificación á Consellería do medio Rural e á Dirección Xeral de Emprego Público de que a persoa que ocupa o posto actualmente ten o requisito. Non recibimos resposta. Na reunión, a dirección da axencia confirma que non o ten e alega que “Función Pública o autorizou”.

Nós reclamamos que hai outros temas pendentes de modificación na RPT de AGACAL, que a CIG leva solicitando reiteradamente negociar catro anos, logo da negociación apresurada da RPT no ano 2021 na que incluso a representación da dirección de AGACAL dixo entón que era unha RPT mediocre “para ir arrincando”. 

Solicitamos a negociación completa dos temas pendentes e a eliminación das desigualdades sen máis demora nen escusas.

Contestan que os motivos para non negociar se manteñen: teñen 11 prazas sen orzamento dende a creación da AGACAL e agardan á aplicación do Decreto de Persoal Investigador (que tiña prevista a entrada en vigor en xaneiro de 2023).

Solicitamos tamén que se nos envíe a RPT completa coas liñas orzamentarias, porque os números non cadran. (Incluíndo as prazas de INGACAL, que non están na RPT).