O 17 de decembro tivo lugar unha reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Medio Ambiente, na que se trataron diferentes cuestións relativas á seguridade e saúde laboral do persoal. Durante a xuntanza puxéronse á disposición dos membros do Comité as avaliacións de riscos da Caseta do Gardarríos de Xubia e do Distrito Ambiental XVIII (Gondomar). Así mesmo, trasladóusenos información sobre a situación das medicións de gas radon nas instalacións que xestiona a Consellaría, sobre a PRL do persoal transferido aos servizos do litoral, e tamén se abordou a situación da peste porcina, a proposta da CIG.

Avaliacións de riscos

No que concirne ás avaliacións de riscos presentadas pola Consellaría, e na liña que a CIG vén defendendo de maneira reiterada, consideramos que tan importante como a realización das avaliacións de riscos é que estas vaian acompañadas de dotacións orzamentarias suficientes para corrixir e mitigar os riscos detectados. Unha vez máis lembrámoslle ao persoal a importancia de revisar as avaliacións de riscos e os plans de acción que teñen á súa disposición e, no caso de non teren acceso a esta documentación, solicitárllela ás persoas responsables das unidades administrativas correspondentes. A prevención de riscos laborais é cousa de todas e todos, polo que é fundamental que, no caso de detectárense riscos non avaliados, se comuniquen polas canles establecidas.

Gas radon

Contamos coa presenza de Alberto Ruano, que é o director do Laboratorio de Radon de Galiza. No relativo ás medicións de gas radon, a Xunta de Galiza ten a obriga de efectuar medicións nas súas instalacións para dar cumprimento á normativa vixente. Informóusenos das medicións realizadas nas illas que conforman os arquipélagos do Parque Nacional das Illas Atlánticas, cuestión da que o persoal xa tiña coñecemento. 

Por outra banda, indicóusenos que no resto das instalacións estanse a levar a cabo as medicións correspondentes, que deben realizarse durante un período mínimo de tres meses en determinadas épocas do ano. Segundo se vaian obtendo os resultados, estes serán postos en coñecemento do Comité de Seguridade e Saúde Laboral, de acordo coa Instrución IS-47, do 9 de abril de 2025, do Consello de Seguridade Nuclear, pola que se aproba a listaxe dos termos municipais de actuación prioritaria contra o radon e se establecen directrices para as medicións de radon no aire interior dos centros de traballo situados neles. No seguinte cadro aparecen as instalacións da Consellaría de Medio Ambiente onde se están realizando as medicións correspondentes:

Prevención de riscos laborais do persoal transferido do Estado para os servizos do litoral

Canto ao persoal do Estado transferido aos servizos do litoral, o responsable dos servizos de prevención indicounos que, aínda que estes postos de traballo xa contan con avaliacións de riscos previas, a Consellaría realizará unha avaliación de riscos propia, iniciativa que desde a CIG valoramos de maneira positiva.

Relación de centros e medidores de radon

                          Centro de traballo         Enderezo de envío (rúa e núm.)    Código postal  Municipio  Nº de detectores 

Peste porcina

No punto 5 da orde do día tratouse unha proposta da CIG relativa á situación da peste porcina e ás medidas que está a levar a cabo a Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático. Neste apartado, a Consellaría limitouse a facer un resumo da situación actual e dos protocolos existentes, lembrando que se trata dunha enfermidade que non se transmite aos seres humanos

Dende a CIG manifestamos as nosas discrepancias ao percibir certa autocompracencia por parte da Administración. Puxemos como exemplo a praga de sanidade vexetal que hai algo máis de dous anos atopábase en Cantabria e en pouco tempo arrasou milleiros de hectáreas de plantacións de coníferas da provincia de Lugo, cos graves prexuízos económicos, ambientais e sociais que lle ocasionou a persoas propietarias e á industria da madeira. Sabemos que a peste porcina a día de hoxe está en Cataluña, pero en cuestión de meses pode estar nalgunhas zonas de Galiza. Lembramos que a Consellaría anunciou a instalación de gaiolas para a captura de xabaríns, e preguntamos quen vai manipular estas gaiolas, como se van transportar e cal será o manexo dos animais capturados. Consideramos da vital importancia a realización de censos de xabarín, así como doutras especies, e que a Consellaría ten uns recursos humanos excelentes como son profesionais biólogos e biólogas, enxeñeiros e enxeñeiras e veterinarios e veterinarias para levar a cabo estas tarefas, o que facilitaría moito a planificación da fauna salvaxe cara ao futuro. 

Persoal da Consellería e as emerxencias

Aproveitamos para trasladar a nosa queixa porque consideramos que o persoal da Consellaría —axentes facultativos e facultativas ambientais, capataces e gardas de recursos naturais, entre outras— debería formar parte dos servizos de emerxencias, tal e como recolle a normativa vixente. Temos constancia de que, cando a cidadanía chama aos teléfonos de emerxencias por incidencias relacionadas coa fauna salvaxe, non se activa ao persoal da Consellaría, pero si á Garda Civil.

Centro de Recuperación da Fauna Salvaxe do Rodicio

Unha vez máis abordouse a situación do Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe do Rodicio. A Administración respondeu que nos outros centros se realizaron investimentos e que proximamente tamén se acometerán actuacións neste centro, polo que valoramos positivamente a disposición manifestada pola Consellaría.

Acordo para o persoal dos centros da Consellaría de Medio Ambiente

Por último, insistimos na necesidade dun acordo marco para o persoal que traballa nos centros de recuperación de fauna salvaxe e nas distintas instalacións da Consellaría. Temos constancia de que existen condicións de traballo diferentes en cada centro, é dicir, pequenos “acordiños”, situación que consideramos pouco seria e que incide directamente na saúde laboral do persoal. Valoramos positivamente que a Consellaría de Medio Ambiente considere razoables estas propostas e se amose aberta a traballar nesta liña.

En resumo, sinalamos que o CSSL de Medio Ambiente e Cambio Climático tivo durante o ano 2025 un alto grao de dinamismo, e agardamos que esta dinámica continúe ao longo do ano 2026. Así mesmo, valoramos positivamente a implicación e o interese amosados pola Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático.