O  3 de febreiro tivo lugar unha convocatoria do Comité de Seguridade e Saúde Laboral (CSSL) da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude. Consonte a orde do día, tratamos a adaptación do CSSL á nova estrutura orgánica, a escolla de presidencia e secretaría e a proposta do regulamento do comité. Tamén se nos informou da situación das medicións do gas radon nas súas instalacións.

Escolla da presidencia e secretaría do CSSL 

A Consellaría propuxo que a presidencia do comité recaera na representación da Administración, e que as persoas delegadas de prevención propostas polas organizacións sindicais nos encargásemos da secretaría. Porén, por parte da CIG realizamos unha proposta consonte o regulamento do comité, consistente en que tanto a presidencia como a secretaría sexan rotatorios, é dicir, que a presidencia tamén poida ser asumida polas delegadas e delegados propostas/os polas organizacións sindicais. 

A Administración non agardaba esta proposta e UGT e CCOO sinalan que teñen que consultalo coas súas organizacións, polo que nos emprazamos para a seguinte reunión do comité para tratar de consensuar a representatividade do órgano conforme ao regulamento.

Medicións de gas radon

Canto ás medicións de gas radon nos centros e instalacións dependentes da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude, indican que nos irán achegando os resultados segundo se vaia dispoñendo deles, para cumprir coa Instrución IS-47, do 9 de abril de 2025, do Consello de Seguridade Nuclear

Neste aspecto a CIG manifestou a preocupación que existe no Museo Etnográfico de Ribadavia, por tratarse dunha construción antiga e con dependencias de pouca ventilación, e transmitímoslles que nalgún edificio próximo obtivéronse resultados moi elevados da presenza de radon. 

Outros asuntos

Por parte da CIG trasladámoslle ao comité as carencias do persoal arqueólogo á hora de levar a cabo as inspeccións de campo, ao que a Administración respondeu que xa tiñan constancia desas queixas e que estaban traballando para solucionalo.

Tamén abordamos algunha das particularidades e condicións de traballo dos museos, e transmitimos, entre outras cousas, que nalgúns casos existen xornadas laborais abusivas.