A Consellería de Política Social incumpre a Lei de prevención de riscos laborais. Na Axencia Galega de Servizos Sociais (AGASS), as traballadoras embarazadas das escolas infantís de cero a tres anos están sometidas a un risco biolóxico inaceptable.

As empresas e institucións con persoas empregadas a cargo teñen que protexer aos seu cadros de persoal ante os riscos derivados do traballo

Cando non existen no servizo postos exentos de risco para o embarazo, a empresa, neste caso a Consellería de Política Social, ten que apartar á traballadora do risco e dála en suspensión de contrato. Neste caso, quen se ten que facer cargo da prestación é a Mutua colaboradora da Seguridade Social, até o momento do parto.

Na sentenza (00264/2016, do Xulgado do Social nº 5, de Vigo), ratificada en Suplicación no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), que estima a pretensión dunha traballadora embarazada a estar en suspensión de contrato e a cobrar a prestación por risco, estímase o risco biolóxico de contraer citomegalovirus ou parvovirus B-19, ou virus da labazada, susceptibles de dano fetal, poden darse en traballadoras en contacto íntimo con crianzas. É de todo punto imposible desvincular estes traballos de coidados a menores de tres anos sen contacto íntimo nos momentos de consolo e apego e nos de hixiene e alimentación.

Segundo as directrices para a avaliación de riscos e protección da maternidade no traballo impartidas polo Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo (INSHT), tratándose de citomegalovirus están contraindicadas as probas de detección precoz de anticorpos nas traballadoras embarazadas, sendo aconsellable limitar ao máximo o contacto con fluídos biolóxicos no embarazo no caso de seronegatividade mentres que no caso contrario non está garantida a protección fronte á reinfección ou reactivación da infección. Non existe vacinación, asociándose a infección do feto de consecuencias graves coa infección materna.

Tarefas como cambio de cueiros, dar de comer, consolar e calquera outra exposición a fluídos expón ao contaxio á traballadora embarazada.

No caso do virus da labazada (parvovirus B-19), cuxa transmisión é por vía respiratoria, a infección fetal é máis agresiva durante os dous primeiros trimestres do embarazo.

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, tras esta sentenza e en cumprimento da normativa en prevención de riscos laborais que o obriga a protexer a seguridade e a saúde do seu persoal, mantén ás traballadoras embarazadas en suspensión de contrato dende o momento en que comunican o seu estado de gravidez, realizando os trámites coa Mutua afastada do risco e recibindo de xeito telemático a información referente á súa situación (protocolo de embarazo, pasos a dar para a solicitude da prestación, etc.).

Tamén, no caso das embarazadas que forman parte das listas de contratación se aplica o mesmo protocolo de actuación, aceptando o nomeamento de substitución e quedando en suspensión por risco ao cargo da Mutua colaboradora da Seguridade Social no momento de comunicalo.

Outro xeito de actuar por parte da Administración, dende este sindicato, considerámolo unha discriminación intolerable por razón de sexo e maternidade.

Esiximos que adopten as medidas cautelares precisas para protexer a saúde das traballadoras embarazadas e que estas medidas non comporten discriminacións directas e/ou indirectas por razón de sexo.

Segundo as evidencias científicas o embarazo é cousa de mulleres. Onde están estas medidas no Plan de Igualdade?