Coa Administración Xeral do Estado a piques de pechar a implantación das 35 horas, na Galiza seguimos nas 37,5 semanais. A Xunta tivo desde 2018 capacidade legal para reducir a xornada, pero nin o fixo nin o acordo de concertación de 2019 incorporou medidas reais.

Nós, o persoal da Xunta de Galiza, seguimos nas 37,5 semanais. Non é unha cuestión legal, é falta de vontade política.

Un marco que permitía avanzar, pero non obrigaba

O Acordo estatal de 2018 abría a posibilidade de que cada administración puidese establecer unha xornada inferior mediante negociación colectiva. Non era unha obriga nin unha medida automática: dependía da vontade de cada goberno.

Desde a CIG-Autonómica xa advertimos daquela que deixar esta cuestión aberta significaba que podía non aplicarse na práctica. E iso foi exactamente o que aconteceu na Galiza.

Facemos memoria: un acordo sen medidas reais en xornada

Posteriormente no Acordo de concertación de 2019, asinado pola Xunta con CCOO e UGT, non se recolleu a implantación das 35 horas. O texto limitábase a deixar aberta a posibilidade de negociar no futuro, comprometéndose unicamente a “estudar xornadas anuais inferiores para o persoal con xornadas a quendas, nocturnas ou especialmente penosas”.

Este acordo (descargar boletín informativo) integrou nun único marco distintas materias que viñan sendo obxecto de negociación: estabilización do emprego, carreira profesional, promoción interna, funcionarización e aspectos xerais das condicións de traballo.

Na práctica, o desenvolvemento posterior confirmou que non todas tiveron o mesmo peso. O acordo puxo o foco na carreira profesional e na funcionarización, mentres que outras cuestións, como a reducción da xornada ou a xubilación parcial, quedaron sen concreción.

Dende a CIG-Autonómica xa advertimos que aquel acordo non garantía melloras efectivas e que mesturar materias distintas nun único texto ía provocar que unhas acabasen impoñéndose sobre outras.

Defendemos entón, e seguimos defendendo hoxe, a necesidade de negociar a implantación XA das 35 horas, con posibilidade de maior redución atendendo á realidade das diferentes condicións de traballo.

As 35 horas son unha necesidade

A implantación das 35 horas non é unha cuestión simbólica, é unha necesidade real e supón unha vantaxe para a Administración:

  • evitar prolongacións de xornada e desprazamentos en horario de tarde
  • facilitar a conciliación da vida laboral e persoal
  • mellorar a eficiencia e a calidade dos servizos públicos
  • avanzar cara a unha distribución máis racional do tempo de traballo
  • favorecer a igualdade, especialmente en sectores con maior carga de coidados
  • mellorar a organización interna e a eficiencia dos servizos públicos
  • contribuír á creación de emprego mediante unha mellor repartición do traballo
  • aumentar a motivación e a calidade do servizo que prestamos á cidadanía

Unha reivindicación vixente

A experiencia tamén demostra que, sen presión e sen organización, non hai avances. Se algo se move, é porque hai quen o empurra. E que coa CIG-Autonómica levamos anos defendendo esta reivindicación, loitamos fronte á inacción da Xunta e fronte a acordos que non garanten dereitos.

Por iso esiximos de novo á Xunta que abra dunha vez unha negociación real para avanzar na implantación das 35 horas.

Porque despois de oito anos, a pregunta segue sendo a mesma: 

Onde están as 35 horas na Xunta?