O día 27/03/26 saíron publicadas no DOG as puntuacións provisionais das persoas participantes no concurso de escalas sociais (F0525).
E como agasallo, xunto coas puntuacións, a DXEP retira do concurso 25 postos vacantes (1 de auxiliar de clínica, 1 de educador/a social, 1 de terapeuta ocupacional, 2 de médico/a, 11 de psicólogo/a e 9 de traballador/a social).
Ese mesmo día, na Mesa sectorial de persoal funcionario a CIG pediu explicación á directora xeral e esta non se dignou a contestar nada, mesmo despois de repreguntar. Din que na páxina web xa figuraban en vermello os postos retirados, pero aí non vén o motivo da exclusión e sinalan que son procesos xudicializados, e hai determinada información que non poden proporcionar e só poden anunciar no DOG para que as persoas interesadas comparezan.
Isto son desculpas, porque independentemente de que a retirada derive de medidas cautelares ou de sentenzas firmes (e nós xa pedimos os expedientes), iso non impide que a Administración poida adoptar solucións para garantir o dereito das persoas concursantes.
Hai que lembrar que a culpa de todo isto é da propia Xunta de Galiza ao dar postos de nivel en destino provisional, cando o que tiña que ter feito en tempo e forma é un concurso de traslados e posteriormente dar destinos definitivos ao persoal de novo ingreso.
E chegados a este extremo, o que tería que facer a Xunta antes de retirar os postos é sentarse coa representación sindical a negociar previamente e tratar de atopar unha SOLUCIÓN CONSENSUADA, onde se garantan os dereitos de quen agora os perde.
Como temos máis precedentes, ao igual que no caso do concurso de enxeñarías, arquitecturas e ciencias, o que teñen que facer é DUPLICAR OS POSTOS.
Si se puido facer anteriormente se pode facer agora. E non hai desculpa, nin organizativa nin orzamentaria, que impida facelo. A DXEP ten que saír da desidia e da zona de confort e afrontar o problema en vez de agochar a cabeza retirando postos.
Dende logo, á CIG isto non nos vale, e imos empeñarnos con todos os medios para garantir o dereito das persoas concursantes a poder optar como mínimo, a un posto de similares características aos retirados tal e como se fixo con anterioridade.