Esiximos a aplicación inmediata do réxime excepcional de teletraballo ante a situación actual, marcada pola suba dos combustibles e da cesta básica
A guerra no Oriente Medio, tras os ataques militares de Estados Unidos e Israel contra Irán, e as súas consecuencias sobre o mercado enerxético internacional, co bloqueo do estreito de Ormuz, xa están a ter efectos directos en todos os sectores produtivos, máis alá do custo de encher o depósito. A isto súmase a liberación de reservas estatais de petróleo, cun escenario incerto nas vindeiras semanas.
Mentres a Unión Europea recomenda reducir desprazamentos e fomentar o teletraballo para aforrar combustible, e o propio Goberno do Estado español incorpora esta medida nas súas actuacións fronte á crise a través de plans de mobilidade sostible, na Xunta do PP estase a facer o contrario: seguen recortando xornadas en numerosos centros de traballo a pesar de que se traten de postos administrativos ou tecnicos sen atención ao público, cousa que temos denunciado aquí e sobre a que interpuxemos unha demanda xudicial.
Esta situación está a incrementar de forma directa o custo de acudir ao posto de traballo, nun momento no que o persoal xa viñamos sufrindo unha perda de poder adquisitivo pola suba da carestía da vida, cun IPC real elevado e incrementos salariais insuficientes para compensalo. E esta nova guerra tan so leva 6 semanas...
Reclamamos da Xunta unha resposta inmediata, solidaria e adaptada á realidade actual, activando medidas excepcionais ou ampliando ao máximo o teletraballo co máximo respecto ao mantemento do servizo público. É hora tamén de negociar un Plan de Mobilidade para todo o persoal. Non pode seguir a mirar para outro lado mentres estamos a asumir as consecuencias desta situación.