Novas por contido

Tres anos sen convocar a Comisión Técnica de Teletraballo: a Xunta segue permitindo recortes arbitrarios nas xornadas de teletraballo

Na Comisión de Persoal deste venres 6 de marzo de 2026 volvemos denunciar o incumprimento reiterado do Acordo de Teletraballo e a aparición de novas restricións arbitrarias que non teñen amparo na norma. A directora xeral de Emprego Público resposta, unha vez máis, que están preparando a Comisión Técnica, igual que leva facendo dende hai 2 anos.

En primeiro lugar, non se están remitindo á Comisión de Persoal os datos relativos ás persoas teletraballadoras, tal e como establece o propio Acordo. Esta información é imprescindible para poder facer o seguimento e control do sistema de teletraballo. Non enviala supón impedir a transparencia e a supervisión que lle corresponde á representación do persoal.

Estamos a comprobar como, nalgunhas consellarías, se están aplicando reducións de xornada e interpretacións restritivas do teletraballo que non figuran no Acordo, reducindo dereitos e introducindo obstáculos sen ningunha xustificación real. Non necesitan reducir xornadas para aseguraren a presenza mínima, só necesitan organización.

Non podemos aceptar que, mentres se fala de modernización da Administración e de conciliación, se estea baleirando de contido o teletraballo mediante decisións discrecionais e criterios cambiantes.

 

No 2024 dende a CIG interpuxemos unha demanda xudicial contra a Xunta para facer valer os dereitos previstos no Acordo de Teletraballo. Porén, estamos aínda pendentes de data de xuízo.

Problemas detectados na aplicación do teletraballo

Nos últimos meses detectamos diferentes prácticas, entre as que se atopan as seguintes:

Redución unilateral dos días de teletraballo

  • Nalgúns servizos estase intentando reducir os días de teletraballo ao rematar o período anual, obrigando a presentar novas solicitudes ou recortando días baixo supostas “necesidades do servizo” que nin se explican nin se xustifican.
    Cómpre lembrar que o acordo establece que o teletraballo debe renovarse nas mesmas condicións se non cambiaron as circunstancias. Polo tanto, non se poden introducir restricións nin recortes sen unha motivación real e debidamente xustificada.

Restricións arbitrarias en determinados días da semana

  • Determinadas secretarías xerais de consellarías están limitando días como os luns ou os venres, xerando a sospeita de que o persoal empregado público utiliza o teletraballo para alongar as fins de semana. Esta insinuación, ademais de ser infundada, supón unha falla de respecto cara ao persoal empregado público.
    Resulta, ademais, contraditorio que se pretendan limitar precisamente estes días, cando son os que adoitan rexistrar maiores problemas de mobilidade. Desde unha lóxica organizativa e ambiental, deberían ser precisamente os días nos que máis se favoreza o teletraballo para evitar incrementar a presión sobre uns servizos de transporte xa de por si saturados.

Exixencia de xustificar tarefas tamén nos días presenciais

  • Algúns servizos están a pedir que se xustifique o traballo realizado, mesmo nos días presenciais, o que constitúe un agravio comparativo. Isto contradí directamente o Acordo, que establece que debe existir un plan individual de teletraballo para os días en que se realiza nesta modalidade.

Preguiza das xefaturas para elaborar os plans de teletraballo 

  • O que está a ocorrer é que, como moitos servizos non elaboraron ese plan individual, pretenden trasladar ás persoas traballadoras a responsabilidade de xustificar toda a súa actividade, ou directamente denegan o teletraballo para non pasar o traballo de facer o correspondente seguimento.

Confusión entre a potestade de autoorganización da Administración e arbitrariedade

  • Algunhas destas decisións estanse a tomar con base na potestade autoorganizativa, pero ten que estar sempre motivada e xustificada. O que estamos a ver, na práctica, son arbitrariedades.
    Curiosamente, cando pedimos que todas estas decisións se poñan por escrito, moitas veces desaparecen as dúbidas e as limitacións deixan de aplicarse. Non é difícil entender por que.

 

Outras novas recentes

Sábado, 04 Xullo 2026

Oposicións de enxeñaría de camiños, canles e portos e análises de laboratorio (CP 03/07/2026)

Na Comisión de Persoal (CP) do 3 de xullo de 2026 tratamos a convocatoria de oposicións (acceso libre e promoción interna) de enxeñaría de camiños, canles e portos e de análises de laboratorio. A Administración non tivo en conta ningunha das nosas alegacións, polo que votamos en contra das propostas de ambos os dous procesos. A Dirección Xeral de Emprego Público (DXEP)...
Venres, 26 Xuño 2026

A CIG esixe explicacións pola falta de postos na elección de destino de corpos xerais

Dende a CIG solicitámoslle a Emprego Público que nos aclare posto a posto a tremenda desfeita que está a facer nos procesos de elección de destino dos corpos xerais. Temos moitísimas queixas de persoas traballadoras que están nestes procesos e que non saben o motivo de que se “comeran” tantos postos. Non sabemos se en Emprego Público pensan que só son “dúas ou tres persoas...
Venres, 26 Xuño 2026

O totum revolutum de Emprego Público: a nova receita do caos nas eleccións de destino

Hai días nos que un pensa que a capacidade de Emprego Público para sorprendernos chegou ao límite, pero despois supéranse. Vaia cristo formaron! Se o obxectivo era xerar o caos absoluto e cabrear a todo o persoal, temos que darlles un aplauso. Conseguírono. Non sabemos moi ben quen está aos mandos da cociña en San Caetano, pero decidiron que a mellor forma de xestionar os...