A Dirección Xeral de Emprego Público volve demostrar unha xestión caótica e irresponsable na oferta de postos para a toma de posesión
Dende a CIG-Autonómica denunciamos que se ofertan só 98 postos, exactamente as persoas aprobadas (96 acceso libre B + 2 estabilización C1), cando no concurso previo quedaron 123 postos vacantes, deixando sen cubrir 49 postos reais. Xa que inclúen 24 postos que non pasaron polo concurso de traslados —mesmo un de axente territorial— distorsionando completamente a provisión de postos/destinos..
Ademais, algúns destes postos están ocupados por persoal interino de longa duración da escala de axentes forestais do C2, con máis de vinte anos de servizo, sen que tiveran opción de estabilización. Esta situación pode derivar en indemnizacións de milleiros de euros, consecuencia directa dunha mala xestión da Xunta.
O panorama é máis complexo cara o futuro se temos en conta que das prazas de medio ambiente só se ofertan 7 postos, a pesar de ser de difícil cobertura, de feito están acudindo con comisións de servizo doutras escalas, trasladando persoal dun servizo a outro e deixando sen opcións ás persoas que acceden por oposición con coñecementos específicos.
Non estamos só ante un problema de número de postos, senón tamén de clasificación. Na CIG temos xa en estudo da impugnación desta elección de destino, porque non é admisible que persoal do grupo B estea a tomar posesión en postos clasificados como C1, o que supón na práctica unha rebaixa da súa escala. Esta actuación será levada aos tribunais e ampliarase tamén aos postos que non pasaron polo concurso de traslados.
A Dirección Xeral de Emprego Público entrou nunha dinámica de conveniencia, aplicando un criterio contrario ao defendido nas mesas de negociación —ofertar os postos que pasaron polo concurso— algo imposible de xustificar se non é para prexudicar a uns e beneficiar a outros. E por que motivo non envía previamente á representación do persoal os buzóns de postos para que podamos alegar? Que está a agochar?
Dende a CIG-Autonómica esiximos a retirada inmediata dos postos irregulares e a oferta de todas as vacantes que pasaron polo concurso conforme os criterios de legalidade, planificación e respecto polo emprego público.