Mentres a guerra en Oriente Medio e a tensión no estreito de Ormuz agravan a crise enerxética e a carestía da vida, a Xunta segue sen adoptar medidas que reduzan os desprazamentos do seu persoal. Reclamamos actuacións inmediatas para reducir custos económicos, desprazamentos e consumo enerxético
A escalada da crise enerxética e da carestía da vida, agravada pola guerra en Oriente Medio e a tensión no estreito de Ormuz, está a ter un impacto directo nos custos da enerxía e dos desprazamentos. Neste contexto, empresas e diferentes administracións están a adoptar medidas para reducir o consumo e a mobilidade, mentres a Xunta de Galicia segue sen activar ningunha iniciativa específica para o seu persoal.
Dende a CIG-Autonómica xa advertimos de que a situación actual non permite a inacción. O encarecemento da enerxía e dos desprazamentos está a afectar a toda a sociedade, mais tamén ao persoal empregado público, e entre todos e todas temos que facer un esforzo para reducir o consumo enerxético ante o agravamento da crise. A Xunta ten a responsabilidade de actuar para mitigar este impacto.
A implantación das 35 horas é unha decisión que depende da propia Administración autonómica e permitiría reducir desprazamentos e o consumo enerxético nos centros de traballo. Do mesmo xeito, a ampliación do teletraballo, que solicitamos formalmente hai máis dunha semana e da que non obtivemos resposta, é unha medida inmediata e eficaz nun contexto extraordinario coma este.
A isto súmase a ausencia dun plan de mobilidade para máis de 30.000 persoas empregadas públicas da Administración xeral, incluíndo os entes instrumentais, unha ferramenta esencial que as administracións deben impulsar para reducir desprazamentos, custos económicos e impacto ambiental. E niste plan tamen debera estar incluído o concurso de traslados permanente, para permitir o achegamento. Porén, a Xunta continúa a facer oídos xordos, sen planificación nin medidas, nun momento no que actuar é unha responsabilidade ineludíbel para minimizar os efectos da crise enerxética e da carestía da vida.
Na CIG-Autonómica insistimos: a Xunta debe actuar xa con medidas concretas como as que vimos esixindo —implantación das 35 horas, ampliación do teletraballo e elaboración dun plan de mobilidade con concurso permanente— para facer fronte á crise enerxética e á carestía da vida.