Resolución do Tribunal Supremo sobre os recursos do proceso de estabilización
O Tribunal Supremo (TS) vén de comunicar o rexeitamento a trámite, por razóns formais sen entrar no fondo, dos recursos presentados tanto pola CIG como pola Xunta de Galiza en relación cos procesos de estabilización do persoal laboral do SPIF. Esta decisión ten como consecuencia inmediata que a sentenza ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) en novembro de 2024 adquire carácter de firme.
A sentenza do TSXG, agora firme, céntrase en dous eixos fundamentais, nos que a xestión da Xunta de Galiza foi cuestionada:
Baremo da inactividade
O TSXG determinou que a inactividade non debía puntuar, cun criterio oposto á xurisprudencia do TS e do TXUE.
Contexto: Ao inicio dos procesos, a CIG foi a única forza sindical que solicitou o baremo da inactividade. Ante a negativa da Xunta, a CIG levou o asunto aos tribunais. Posteriormente, a Xunta rectificou e decidiu puntuala. A Administración non pode actuar contradicindo os seus propios actos e as resolucións xudiciais firmes ("non se pode estar na misa e repenicando").
Prazas do 2019
O TSXG resolveu, hai case dous anos, acollendo en parte a demanda da CIG, que as prazas creadas en 2019 non estaban afectadas polo proceso de estabilización. A pesar das advertencias da CIG, que solicitou paralizar o proceso para emendar ese erro, a Xunta decidiu continuar adiante sen realizar os axustes necesarios.
A desidia administrativa e a falta de dilixencia na xestión destes procesos por parte da Xunta provocaron un atraso acumulado significativo. Como consecuencia, a resolución definitiva do conflito coincide temporalmente coa finalización dos propios procesos, o que complica aínda máis a situación actual. Esta actuación é outro exemplo da deficiente xestión ("boa escachada") por parte da Administración, que agora ten a responsabilidade directa de solucionar as consecuencias xeradas pola súa propia inacción.
Ante este novo escenario xurídico, a CIG mantén o seu compromiso firme na defensa dos intereses de todo o colectivo afectado, priorizando dous ámbitos de actuación:
- Defensa do persoal cesado de xeito irregular: Garantir que se reparen os danos derivados dos cesamentos realizados sen base legal sólida.
- Protección do persoal en activo: Protexer aos traballadores e traballadoras que ocupan os postos obxecto destas convocatorias e que participaron no proceso de boa fe.
A CIG esixe que a Xunta de Galiza asuma as súas responsabilidades e adopte as medidas necesarias para rectificar a situación, cumprindo coa legalidade vixente e minimizando o impacto negativo sobre o cadro de persoal do SPIF.