Dende hai anos, a CIG sempre se posicionou a favor de todo tipo de accións e mobilizacións para conseguir melloras nas condicións laborais do persoal que traballa nas escolas infantís e tamén, consecuentemente, pola calidade do servizo público que se presta.

Nos últimos tempos, e por mor da deriva privatizadora do Partido Popular, estase a tratar de igualar á baixa as condicións de traballo e de prestación do servizo dos centros de xestión pública co resto dos centros nos que prima é o beneficio empresarial.

Os dereitos da infancia nesta etapa educativa e o dereito das traballadoras a estar libres do maltrato institucional que supoñen os ratios excesivos, falta de horarios para programar, horarios de atención as crianzas abusivos, etc. quedan conculcados polas políticas públicas.

O manifesto que publican as nosas compañeiras que forman parte da Plataforma concorda co que dende a CIG levamos demandando historicamente das Administracións Públicas.

Estamos de acordo en que se precisa maior financiamento, formación continua, baixada dos cocientes de alumnado, e políticas públicas para que as familias poidan conciliar unha vida laboral que garantan o  dereito da infancia ao tempo de descanso e vida familiar.

Pedimos tamén a figura imprescindible da parella educativa para atender ás necesidades das crianzas nas aulas e nos distintos espazos. A ninguén se lle escapa que unha traballadora non pode atender á vez un cambio de cueiro dunha crianza mentres atende á seguridade física e afectiva do resto.

Somos un colectivo feminizado e, como tal, con postos de traballo infravalorados e mal tratado: reclamamos tamén o dereito á protección da saúde das traballadoras embarazadas e a súa descendencia ante o risco biolóxico.

Temos razón e entre todas imos conseguilo!

Parabéns por facelo visible e darlle voz!

Ánimo, compañeiras !!