Novas por contido

Dende a CIG-Administración Autonómica denunciamos a decisión da Xunta e máis do Consorcio de suprimir as horas de programación e titorías de escolas infantís

Esta medida supón un novo atentado contra os servizos públicos que afecta á calidade do servizo ao eliminar a programación educativa, as xuntanzas coas familias, a preparación dos materiais e as avaliacións de resultados que resultan vitais para o desenvolvemento educativo das crianzas de 0 a 3 anos.

Na CIG-Administración Autonómica consideramos que eliminar estas actividades de máxima importancia na educación converte un servizo público integral e educativo nun servizo asistencial de menor calidade. Neste sentido, preguntámonos en que se vai diferenciar unha escola infantil da Xunta dunha gardería. Semella que a pretensión é convertir as escolas infantís en lugares onde aparcar as crianzas na vez de ter un tempo de desenvolvemento educativo propio e adaptado á súa idade e a cada cativo/a.

A intención da Xunta é clara: deteriorar os servizos públicos para evitar as diferencias cualitativas cos privados e así desmantelar pouco a pouco a xestión 100% pública e de calidade. Isto engadido a que cada escola pública nova que se abre se fai con xestión privada.

Incumprimento da legalidade

As tarefas eliminadas pola Xunta e o Consorcio de Igualdade e Benestar de programación e atención educativa están recollidas na lexislación de aplicación (Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia; Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia nos que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación; Decreto 150/2022, do 8 de setembro, polo que se establece a ordenación e o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia; Real Decreto 95/2022, de 1 de febreiro, polo que se establece a ordenación e as ensinanzas mínimas da Educación Infantil).

Até o de agora, case un 6% da xornada laboral non era de atención directa ás crianzas e se ocupaba para elaborar programacións, atender as familias, avaliar, deseñar ambientes de aprendizaxe, preparar materiais... tal como recolle o Regulamento de Réxime Interior das escolas infantís. Pero nestes momentos se as traballadoras queren manter a calidade do servizo terán que facelo no tempo libre, na casa ou no centro despois da xornada laboral. Nese senso, as instrucións da Dirección da Axencia e Xerencia do Consorcio son claras, nada de proxecto educativo, só tempo de atención directa asistencial dentro da xornada laboral.

O empeño da Xunta de Galiza de acabar co proxecto educativo das escolas infantís vén de lonxe e até de agora pouco a pouco, de vagar para que non se note tanto. Primeiro acabou cos tempos de programación nas escolas infantís da Axencia. Coas escolas infantís do Consorcio comezou retirando os tempos e a oferta de formación do persoal no 2017, que preparaba profesionais na vangarda na atención educativa as crianzas.

Hai menos dun ano, en abril de 2023, retiraron a páxina escolasinfantisdegalicia.net, que conectaba a todas as escolas da rede e que era unha ferramenta imprescindible para o traballo colaborativo dos centros. Os blogues permitían ás escolas o traballo en equipo do profesorado, o traballo colaborativo entre escolas, o intercambio de información coas familias, potenciaba a relación familia/escola, favorecía a reflexión pedagóxica e a avaliación do traballo desenvolvido... A páxina, ademais, aloxaba outros contidos de moito interese para a formación do persoal, como artigos de análise e innovación pedagóxica.

Igualan á baixa os servizos públicos coa oferta privada

O que pretenden a Xunta e o Consorcio é igualar á baixa os servizos públicos coa oferta privada como paso previo á venda e desmantelamento dos servizo públicos, e para que se escolla a privada antes que a pública unha vez ambas son gratuítas, a única forma é igualalas pola baixa.

As traballadoras das escolas infantís públicas están en pé de guerra contra o deterioro do servizo e se suceden cartas de queixa. Non lles deixan facer o seu traballo como profesionais educativas. Dende a CIG denunciamos esta situación e lembramos que a sociedade galega non pode ir un paso atrás e permitir máis deterioro dos servizos públicos. As nosas cativas merecen unha atención integral neste tramo educativo. Non podemos limitarnos a gardar nenos e nenas e que acaben co proxecto educativo público das escolas infantís.

 

Outras novas recentes

Martes, 11 Agosto 2026

O presidente vai de procesión: Rueda pode facer o que lle pete; a Xunta, non

Na CIG defendemos unha Administración pública aconfesional, neutral e de todas e todos, que non empregue os seus medios institucionais para dar relevancia pública a unha opción relixiosa particular, nin para facer publicidade da dimensión persoal de quen ocupa a Presidencia. Si, Alfonso Rueda, a título persoal, pode facer o que lle pete: pode ir a unha procesión, acudir á...
Mércores, 12 Agosto 2026

A Xunta chama «absentismo» ao colapso do Sergas

Galiza non ten unha taxa de baixas superior á doutras comunidades, senón unha duración media das incapacidades temporais desproporcionada, debido ás listaxes de agarda do Sergas, que bloquean as recuperacións; motivo polo que a CIG esixe a derrogación de calquera medida penalizadora da incapacidade temporal do persoal empregado público e o reforzo da atención sanitaria...
Martes, 11 Agosto 2026

A Consellaría do Medio Rural asina acordos aos cachos para o persoal do SPIF

O luns día 10 de agosto a Consellaría do Medio Rural e as organizacións sindicais CCOO, CSIF e UGT asinaron uns acordos parciais para o persoal do SPIF que entenden que son un logro sen precedentes. Para a CIG isto dista moito da realidade. Deseguido explicámosche o porque.En primeiro lugar, a Consellería tiña moita présa en pechar estes acordos en pleno verán; tanta, que...