O mércores 06 de maio de 2026 tivo lugar unha xuntanza da Mesa de Diálogo de SEAGA onde se nos informou da creación de 42 brigadas de “reforzo” para o Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF). A duración dos contratos sería de 90 días e a súa xustificación viría dada pola falta de recursos en determinados períodos e localizacións.
Dende a CIG Autonómica non podemos compartir a volta a este sistema do pasado e a asumir que o problema dos lumes en Galiza é estacional. A experiencia destes anos amosoulle á Consellería do Medio Rural que os problemas de persoal do servizo de incendios non se solucionan cun mal chamado “reforzo” nin coa contratación de persoal a través de concellos ou sociedades, senón tendo un servizo estable e único que traballe todo o ano para poder realizar tarefas de prevención, extinción e atender as distintas multiemerxencias….e para iso xa existe o SPIF.
Estamos en total desacordo con este proceder e coa creación de postos de traballo de reforzo do SPIF con distintas condicións laborais. O único que si podemos celebrar é que por fin caeran na conta que en distintos territorios a falta de persoal é inadmisible. Mais non podemos esquecer que todo isto deriva da nefasta política de contratación de persoal de reforzo a través dos concellos e do desleixo da propia Consellería á hora de asumir as necesidades reais de persoal e proceder á súa cobertura en tempo e forma.
Por iso, instamos á Consellería do Medio Rural a que recapacite e implante xa a creación de postos no SPIF atendendo ás necesidades reais de cobertura do territorio e á nova tipoloxía de lumes cada vez máis virulentos e desestacionalizados. E por suposto, que esta cobertura de postos se faga directamente a través da propia Xunta de Galiza, homoxeneizando dunha vez por todas os dereitos laborais das persoas traballadoras do SPIF.