Dende a CIG-Autonómica denunciamos que máis do 30% dos postos do Servizo de Gardacostas de Galiza (ao menos 38 do arredor de 125 postos das bases operativas) continúan sen cubrir após das tomas de posesión realizadas en decembro de 2025, una situación que está a provocar que haxa horarios no que as bases estean inoperativas ou servizos que directamente non se poden prestar.
A pesar das reiteradas demandas da CIG e das promesas feitas tanto pola Consellaría do Mar como pola Dirección Xeral de Emprego Público, transcorreron xa máis de seis meses sen que se adoptase una solución real para cubrir os postos e con isto o servizo continúa deteriorándose día tras día.
En febreiro deste ano aceptaron finalmente, tras as presión da CIG, realizar un chamamento conxunto e dunha soa vez que permitiría cubrir todas las prazas libres existentes para que o persoal das listas das distintas especialidades poida optar por achegarse o máximo posible ao seu domicilio, dada a dispersión das bases pola costa galega.
Entendiamos que esta xestión podía levar unhas semanas, pois antes de cubrirse por listas tiñan que saír todas a comisión de servizos para dar opción ao persoal funcionario de carreira. Porén a día de hoxe seguimos a espera e aínda que a Consellería do Mar manifestou que presentou a proposta de chamamento á Dirección Xeral de Emprego Público o 20 de abril, non hai chamamentos. En definitiva: 6 meses sen cubrir o 30% dos postos das bases de Gardacostas.
Nestes momentos temos as seguintes vacantes sen cubrir (38) nas bases do servizo (pode haber variacións de bases por cambios de persoal pero non do número de postos sen cubrir):
• A Coruña: 2 mecánicos/as, 2 vixilantes e 1 subinspector/a
• Muxía: 2 patróns/as, 2 vixilantes e 1 mecánico/a
• Portosín: 1 patrón/a, 1 mecánico/a e 1 vixilante
• Celeiro: 1 patrón/a, 2 mecánicos/as e 4 vixilantes
• Vigo: 2 mecánicos/as e 2 vixilantes
• Ferrol: 1 patrón/a e 1 mecánico/a
• Ribeira: 2 patrón/a, 1 mecánico/a e 4 vixilantes
• Pontevedra: 2 vixilantes
• Vilagarcía: 3 vixilantes
Esta situación está a obrigar, en moitos casos a realizar saídas ao mar con dotacións incompletas asumindo riscos e maior carga de traballo e, noutros, directamente a paralizar embarcacións ou servizos por falta de persoal suficiente para garantir la operatividade e a seguridade da tripulación.
Non é a primeira vez que denunciamos o deterioro progresivo do servizo. Xa no ano 2024 advertiamos da paralización da embarcación Punta da Guía en Vigo pola falta de efectivos, consecuencia directa da ausencia de cobertura de prazas e da inacción da Administración.
A lentitude da Xunta do PP na cobertura de postos non é cousa nova e menos no Servizo de Gardacostas. Como pode entenderse que xusto tras as oposicións e a toma de posesión xa exista un 30% de vacantes? Urxe unha nova oferta de emprego con convocatorias e oposicións áxiles e que non demoren anos e, por suposto, co seu concurso de traslados previo.
Lembramos que levamos anos denunciando una situación de precarización e abandono que sofre o persoal gardacostas polo goberno galego, xa que, malia desenvolver funcións esenciais a día de hoxe aínda non é considerado un servizo de emerxencias, nin é prioritario nas leis de orzamentos para a súa cobertura áxil é directa como pasa no Servizo de Incendios Forestais, por exemplo.
Galiza necesita hoxe máis ca nunca dun dun Servizo de Gardacostas forte, operativo e suficientemente dotado para garantir a loita contra o furtivismo e a pesca ilegal, o control da actividade extractiva e marisqueira, a vixilancia ambiental fronte aos episodios de contaminación mariña e a protección da saúde pública mediante o seguimento das zonas de produción e das vedas derivadas das mareas vermellas e doutros episodios biolóxicos. O desleixo á hora de cubrir os postos de gardacostas é tamén mostra da nefasta xestión da Xunta do PP co sector marítimo pesqueiro galego.
Desde a CIG-Autonómica esiximos á Xunta de Galiza que deixe de demorar os chamamentos e proceda de maneira inmediata á cobertura de todas las vacantes existentes para recuperar a plena operatividade dun servizo público estratéxico para o país e que se sente a negociar medidas efectivas para que esta situación non se volva a repetir.