A CIG esixe transparencia inmediata sobre os resultados das medicións do radón

A CIG denuncia publicamente a gravidade da situación no edificio dos Xulgados das Cigarreiras, na Coruña, dependente da Xunta de Galiza, onde existen sospeitas fundadas de que os niveis de radón poderían ser moi elevados, poñendo en risco a saúde do persoal. As medicións foron feitas con data 10/09/2024, permanecendo os medidores nos edificios durante tres meses e retirados no mes de marzo de 2025. No último Comité de Seguridade e Saúde Laboral que tivo lugar o 20/10/2025, informaron que non contaban aínda cos informes dos resultados da avaliación, prevéndose a súa chegada para novembro/decembro de 2025 e que, tan pronto como se recibisen sería convocado o Comité.

A pesar da gravidade dos feitos, a Xunta continúa instalada na opacidade e na inacción. Desde a CIG solicitouse de maneira urxente a convocatoria do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería de Xustiza e o acceso aos informes das medicións realizadas, sen obter resposta. Ante esta falta de transparencia, a CIG presentou denuncia ante a Inspección de Traballo, que se declarou incompetente e derivou o caso ao Consello de Seguridade Nuclear, onde confirmaron a súa recepción, pero estamos a espera de resposta.

Mentres tanto, a Xunta de Galiza segue sen informar, sen aclarar e, o que é máis grave, sen adoptar ningunha medida preventiva, mantendo ao persoal exposto a un risco potencial para a súa saúde. Esta actitude é absolutamente irresponsable e inaceptable.

Non se pode xogar coa saúde do persoal. A Xunta ten a obriga legal e moral de actuar con transparencia, aplicando medidas inmediatas de prevención, sen agochar información e sen deixar pasar o tempo.

Por iso, dende a CIG esiximos unha entrega inmediata dos resultados das medicións de radón no edificio das Cigarreiras, así como o envío urxente de todas as medicións realizadas nas distintas consellerías da Xunta de Galiza, tal e como foi reclamado no último pleno do Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral.

A saúde laboral non é negociable