A Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Rural vén de presentarnos unha modificación da RPT da Consellería de Medio Rural. As propostas que inclúe son:

  • A creación de 15 postos de axentes UDEX (Unidade de Directores/as de extinción), dos cales un sería de axente coordinador/a autonómico e dous postos de axentes coordinadores/as.
  • A inclusión de 6 postos de persoal técnico no Acordo de condicións de traballo do persoal funcionario pertencente aos subgrupos A1 e A2 do Servizo de Prevención de Incendios Forestais.
  • A modificación da adscripción territorial dun posto de vixilante/emisorista do SPIF, pasando da comarca da Mariña Oriental ao Centro de Coordinación Provincial de Lugo.

Dende a CIG levamos tempo solicitando a creación e regulación dos postos das UDEX, pero non compartimos o sistema de cobertura dos postos de axente coordinador/a autonómico e de axentes coordinadores/as mediante libre designación e concurso específico. Por iso propoñemos a cobertura de todos os postos de axentes UDEX mediante concurso ordinario, para evitar que se volte a repetir a “opacidade” e “arbitariedade” do pasado.

A pesares de aceptar a nosa proposta de regulación dos postos de persoal técnico e incluílos no Acordo de condicións de traballo do persoal funcionario pertencente aos subgrupos A1 e A2 do Servizo de Prevención de Incendios Forestais, entendemos que inda se está a producir unha discriminación. Para solucionala solicitamos que se inclúa o posto de Xefatura de área de defensa contra incendios III, A Coruña, ao tratarse dun posto de idénticas características e funcións dos recollidos nesta modificación da RPT.

Con respecto á modificación da adscripción territorial dun posto de vixiante/emisorista do SPIF, solicitamos que se nos remita informe, asinado pola persoa responsable xustificando, máis aló de ser unha praza vacante, a idoneidade da amortización-creación e consecuencias de prescindir dunha praza nun servizo de emerxencias prioritario, tal e coma é o SPIF.