
O pasado venres 12 de xuño a Consellaría de Educación convocou ás OOSS para negociar unha modificación da RPT sen aportar documentación algunha o que precipitou ter que adiarse esa xuntanza para o día de hoxe, venres 19 de xullo a petición da parte social e logo de remitir un borrador para a mesa.
Hoxe a CIG e as outras OOSS presente na mesa quixemos dar unha mostra clara e contundente de que ata que non se abran as mesas con día, hora, orde do día e documentación para abordar o Acordo do persoal non docente (PND) non imos sentarnos a modificar unha RPT por moi necesaria que esta sexa.
Esta situación pretende ser un berro alto e claro por parte da CIG e do resto de sindicatos presentes ante o desleixo desta consellería para abrir a negociación dun acordo que actualice e regule as condicións do persoal laboral e funcionario non docente que traballa nos centros de ensino públicos do País.
A pesares de varios anos de loita e denuncia das súas condicións e de ter incluso o compromiso verbal do anterior director de Función Pública realizado en Mesa Xeral de abrir as negociacións, dende a Consellaría seguen negándose a abordar una problemática que afecta de xeito directo e diario ao seu persoal.
Por este motivo a CIG, desta vez acompañada polo resto de OOSS, procedemos a levantarnos desta mesa negándonos a participar desta mesa de modificación da RPT en tanto non se nos convoque a unha negociación para acadar un acordo para o persoal non docente (PND).
