No DOG do 23/06/2026 publican a RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2026, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se convocan, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega e cursos preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega, Celga, que se realizarán en varias escolas oficiais de idiomas de Galiza no curso académico 2026/27.

Os cursos de linguaxe administrativa galega ofertados nas distintas escolas oficiais de idiomas de Galicia figuran no anexo I desta resolución. Os cursos do primeiro cuadrimestre impartiranse entre setembro e decembro; os do segundo cuadrimestre, entre xaneiro e abril.

A oferta dos cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, figura no anexo II desta resolución. Os cursos do primeiro cuadrimestre impartiranse entre setembro e decembro; os do segundo cuadrimestre, entre xaneiro e maio.

As persoas que desexen participar nos cursos convocados nesta resolución deberán cubrir o formulario de inscrición telemática no enderezo www.eoidigital.com/preinslinguagalega. O proceso de inscrición non se considerará correctamente completado ata que as persoas seleccionadas presenten toda a documentación requirida, como se especifica no punto quinto desta resolución.

O prazo para a presentación das solicitudes será o seguinte:

– Desde o 29 de xuño ata o 10 de xullo de 2026, para os cursos do primeiro cuadrimestre.

– Desde o do 2 ao 13 de novembro de 2026, para os cursos do segundo cuadrimestre.

Se un curso ten un número de solicitantes que cumpran os requisitos maior que o número de prazas dispoñibles, a asignación farase por sorteo.

Os cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior van dirixidos ao persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional de Galiza; da Administración de xustiza, das entidades locais de Galiza, e ao persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS) das universidades do SUG.