A solicitude da identificación dos postos presentada pola CIG o 3 xullo de 2025 non recibiu resposta da Dirección da Gain até a data, incumprindo a lexislación vixente.
A CIG vén de reiterar a súa reclamación ante a Axencia Galega de Innovación (Gain) para que publique e identifique os postos de traballo que serán ofertados no acto de elección de destino do proceso extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021.
O sindicato lembra que as persoas aspirantes levan un ano e medio agardando pola continuación do proceso e denuncia que, malia as solicitudes realizadas xa en 2025, Gain segue sen facilitar unha relación completa das prazas nin das súas características.
A CIG advirte de que a Axencia carece dunha relación de postos de traballo aprobada e considera inaceptábel que se obrigue ás persoas participantes a escoller destino sen coñeceren aspectos esenciais como a localización, a unidade de adscrición, as funcións, a xornada ou as condicións económicas das prazas.
Para esta organización sindical, unha elección «ás cegas» vulneraría os principios de igualdade, mérito, capacidade, publicidade, transparencia, seguridade xurídica e boa administración, e podería supoñer diferenzas de trato ou eleccións condicionadas pola falla de información.
Esta información tamén é necesaria dende a perspectiva de igualdade retributiva, dado que o Real Decreto 902/2020 esixe coñecer e valorar correctamente os postos de traballo para comprobar a aplicación efectiva do principio de igual retribución por traballo de igual valor.
Así mesmo, a Directiva (UE) 2023/970 reforza a esixencia de transparencia retributiva, ao proclamar que as persoas traballadoras temos dereito a coñecer os criterios de fixación salarial e a información necesaria para comprobar a igualdade retributiva.
Por iso, a CIG solicita que, antes da convocatoria do acto de elección, se publique a relación completa e detallada dos postos, incluíndo a súa denominación, centro de traballo, funcións, horario, requisitos e retribucións, garantindo que todas as persoas aspirantes poidan exercer o seu dereito de elección con pleno coñecemento das condicións das prazas.
