Na Comisión de Persoal (CP) do 3 de xullo de 2026 tratamos a convocatoria de oposicións (acceso libre e promoción interna) de enxeñaría de camiños, canles e portos e de análises de laboratorio. A Administración non tivo en conta ningunha das nosas alegacións, polo que votamos en contra das propostas de ambos os dous procesos.

A Dirección Xeral de Emprego Público (DXEP) trouxo á Comisión as mesmas propostas que levou á Mesa Sectorial, só cuns últimos retoques de trámite, tanto no caso de enxeñaría como de análises de laboratorio.

Solicitudes da CIG para todos os procesos selectivos

Na CIG mantemos en pé as nosas solicitudes para todos os procesos selectivos, que pasan necesariamente, entre outros, polos seguintes cambios, cara a uns procesos máis rigorosos, igualitarios, obxectivos, transparentes e democráticos:

  • Concurso-oposición en vez de oposición.
  • Modificación da lei para a substitución da proba de galego pola realización do 1º exercicio só en galego.
  • Promoción interna separada e dun mínimo do 50%.
  • Substitución da parte específica por normas de dereito positivo.
  • Puntuación dos temas reducida ao 50% da puntuación dos test.
  • Eliminación dos tribunais designados a dedo, e substitución pola designación por sorteo.
  • Ampliación a todos os supostos da exención do 100% das taxas, incluíndo expresamente tamén as familias monomarentais/monoparentais (pedimos que se insten as modificacións normativas precisas), tendo en conta a situación de crise actual. 

Cambios nas convocatorias de enxeñaría de camiños, canles e portos e de análises de laboratorio

A respecto  dos cambios nas propostas que Emprego Público fixo nos borradores dende a Mesa Sectorial salientamos a modificación das notas de corte, no caso da enxeñaría, á que non lle vemos problema; e a redución do temario de 28 a 26 temas, no caso de análises de laboratorio, pero en apariencia, porque refunden os temas 20 e 21 do borrador nun único tema 20; e refunden o 22 e 23 do borrador nun único tema 21.

Votacións 

Tendo en conta o anterior, o sentido do voto nesta Comisión foi o seguinte:

  • Borrador da convocatoria do A1-Escala de enxeñaría, especialidade de camiños, canles e portos: CIG: voto en contra. Quedou aprobado.
  • Borrador da convocatoria do C1-Escala técnica de análises de laboratorio: CIG: voto en contra. Quedou aprobado.