O luns 06/07/2026 tivemos unha xuntanza coa Consellería do Mar pola pretensión desta de iniciar un novo procedemento para o acceso á aplicación dos coeficientes redutores ao existir unha nova norma.

Como xa dixemos aquí, o novo decreto é máis restritivo, pon máis atrancos e é menos garantista.

A consellería pretendeu colar que a vía aberta pola CIG ao promover o procedemento polo decreto anterior está morta e que hai que iniciar un novo procedemento. Isto non o afirman porque o constataran senón porque “o intúen” ao ver que non lles requiren documentación.

Dende a CIG lles aclaramos que non hai ningunha comunicación de caducidade ou prescrición e que tiñamos constancia de que hai casos que se prolongan durante anos, pero que imos insistir outra vez ante o INSS para que den conta do estado do expediente.

Parece mellor idea impulsar un procedemento aberto que poñerse á cola nun novo e peor procedemento, que por regra xeral é longo.

Tamén lle fixemos constar que eles nin se adheriron nin enviaron a documentación que se require. E máis cando se lles fixo chegar toda a documentación presentada pola CIG e en varias reunións lles solicitamos que se adheriran e que enviaran a documentación ao INSS, cousa que non fixeron.

Non parece correcta algunha información que se está a difundir de que na reunión se acordou solicitar os coeficientes redutores de forma conxunta en base ao Real Decreto 402/2025.

O que se acordou é:

1. Dar resposta á Consellería do Mar de si existía algún problema co procedemento aberto pola CIG.
2. Que a consellería enviase os seu informes ao INSS.
3. Que a principios de setembro nos reuniríamos e se determinaría que facer, se seguir co procedemento aberto ou comezar cun novo e perder o posto na cola.

Polo demais dicir que para a CIG vale calquera procedemento que nos achegue á consecución dos coeficientes redutores. O intentamos pola vía da integración no Réxime Especial do Mar e ao ser bloqueado non tivemos problema en inicialo por unha nova vía en base ao Decreto de 2011 de coeficientes redutores.

O novo decreto de 2025 é moito peor, pero si falla o primeiro non temos problema en ensaiar unha nova vía. O que non imos facer é deixar que a consellería nos conte a milonga e siga inactiva.

En setembro imos determinar cal é a mellor opción. Se continuar co expediente actual ou iniciar un novo.