Novas por contido

Publicado o Real Decreto 402/2025 que regula o procedemento previo para determinar os supostos para xubilación anticipada mediante coeficientes redutores. 

Confírmase o recorte nas pensións ao non recoñecerse a xubilación anticipada nin garantirse os coeficientes nos traballos máis penosos. O novo Real Decreto recolle os criterios para que os traballadores de actividades penosas, perigosas ou insalubres teñan a posibilidade de acceder á xubilación anticipada, determina se ese colectivo ou actividade poderá ter dereito aos coeficientes redutores, pero non contempla un procedemento para a súa aplicación directa.   

Na perigosidade da actividade terase en conta a incidencia de baixas no colectivo tanto por continxencias comúns como por profesionais e sucesos graves con resultado de morte ou incapacidade permanente. 

Un procedemento previo e complexo 

O procedemento resulta extremadamente longo e difícil, consta de tres partes que son o inicio da solicitude, emisión de informes da Seguridade Social, do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo e para persoal da Administración requírese tamén do Ministerio de Traballo e Administración Pública. Despois dun trámite de audiencia e alegacións remitirase a unha Comisión de avaliación que emitirá unha resolución do procedemento que permitirá iniciar o trámite de rebaixa da idade de xubilación. Sinala como mínimo seis meses unha vez iniciado e que de non conseguilo non se poderá iniciar outro en 4 anos. 

Estará disposta a nosa Administración a cotizar máis?

Esixe cotizacións adicionais polo que o financiamento das xubilacións anticipadas recaerán no persoal e na Administración, aumentando a cantidade a aportar polos/as traballadores/as e pola Administración. 

Como no noso caso, as que están lexitimadas para iniciar o procedemento son conxuntamente as organizacións sindicais máis representativas e a Administración da Xunta…a pregunta é inevitable: estarán dispostas as consellerías a pagar máis e a solicitalo? 

A Comisión de avaliación sen representación da Galiza

Dende a CIG-Autonómica levamos anos loitando pola xubilación anticipada naqueles colectivos que, polas características do seu traballo, son susceptibles da aplicación de coeficientes redutores. Promovimos facelo mediante leis con accións no Congreso para que os aplicaran de forma directa como foi o caso do persoal gardacostas ou o do sector sociosanitario.  Ambos foron bloqueados politicamente á espera desta regulación que agora vemos que ademais de ser complexa, deixa fóra da comisión de avaliación ás organizacións sindicais que temos un ámbito autonómico polo que o persoal da Galiza vai quedar desamparado, outra vez, fronte intereses estatais. 

Unha reforma das pensións - outra vez -  con trampa

Lembramos que a xubilación anticipada para traballadores/as de determinadas profesións penosas foi a compensación prometida polo Goberno e o axentes do Pacto Social no seu Acordo de pensións. Era a compensación para os/as traballadores/as de profesións máis duras despois de alongar até os 67 e endurecer a xubilación ordinaria ao necesitar máis tempo de cotización para cobrar o 100% e reducir a contía das nosas pensións, xa que aumenta o tempo para o seu cálculo a 29 anos. Resulta lamentábel que UGT e CCOO teñan avalado este acordo e ao tempo, de xeito cínico e hipócrita, chamen á mobilización en sectores como a construción ou o transporte para que se recoñezan coeficientes redutores da idade de xubilación, cando estes sindicatos son colaboradores da normas que restrinxen este dereito.
    

A inxustiza do noso persoal do mar.

Un exemplo de loita contra a discriminación é a do persoal gardacostas que por ser funcionarios públicos están excluídos do réxime especial do mar. A esta inxustiza súmase agora a do persoal patrón e mecánico funcionarizado da Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático, ademais de mergulladores e outros empregados públicos que traballan no mar e que nos seus postos laborais si tiñan acceso ao Réxime Especial do Mar coa súa xubilación anticipada. 

Seguimos na loita e xa estamos a preparar accións polo Real Decreto 402/2025 recentemente aprobado... Non hai dereito que o noso persoal do mar se xubile aos 67 anos simplemente polo seu réxime xurídico!

Outras novas recentes

Venres, 30 Outubro 2026

Convocatorias de oposicións: xestión ambiental, C1, auxiliar de cociña, auxiliar de coidadores, subalterna e limpeza e cociña

No DOG do 30/10/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se convoca o proceso selectivo mediante o sistema de concurso-oposición para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, grupo B, escala de axentes...
Venres, 30 Outubro 2026

Nomeamentos como persoal funcionario de carreira e apertura do prazo posesorio de varios procesos selectivos

No DOG do 30/10/2026 publican: - RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2026 pola que se nomean persoal funcionario de carreira no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C1, escala técnica de condución, as persoas aspirantes que superaron algún dos procesos selectivos convocados polas...
Venres, 06 Novembro 2026

Convocatoria para elección de destino definitivo: auxiliar de xerocultura e PSX

No DOG do 06/11/2026 publican a RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2026 pola que se convocan para a elección de destino definitivo as persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, subgrupo C2, escala auxiliar de xerocultor/a e...