Conselleira Fabiola: presente a dimisión xa!

Gabinete de crise

A conselleira de Política Social declara que se o goberno central aproba unhas novas ratios, coas cifras que se publicaron, acábase a gratuidade das escolas infantís.

Cal gratuidade? A que, cos nosos impostos, lle pagamos ás empresas que prestan este servizo? Ás empresas que teñen as traballadoras co SMI ou por debaixo?

Ten o morro esta conselleira de mentirnos á cara dicindo que se reúne con “todo o sector” agochando que con quen se reúne é con “todo o sector empresarial”. Nesa reunión non estaban nin os centros públicos nin as traballadoras dos centros privados nin tampouco as persoas representantes legais do sector.

Tamén ten a desfachatez, a señora conselleira de Política Social e IGUALDADE, ao dicir que se van perder moitos salarios de mulleres. Neste sector, completamente feminizado, a conselleira de Igualdade defende que as traballadoras teñamos estas condicións de traballo e estes salarios de pobreza.

Concorda coa conselleira o señor Rueda cando di que se "compromete a gratuidade" porque, esta caste que nos goberna, non entende a gratuidade universal como un servizo público senón como o negocio sufragado por todas e todos ao sector privado.

Competencias plenas en materia educativa

En declaracións recentes, o presidente da Xunta de Galiza animaba ás traballadoras das escolas infantís a manifestarse en Madrid contra o goberno central. Está claro que o obxectivo desta “solidariedade” de Rueda non era apoiar as reivindicacións do persoal que traballa no sector. A Xunta, que ten as plenas competencias en materia educativa, podía ter baixado o cociente educadora/ nº de crianzas e non debía ter previsto que se puidera producir ningunha modificación neste sentido.

Se o goberno do Estado non muda estas ratios, está xa moi claro que a Xunta non ten intención de facelo.

Era visto! Non importan as condicións de traballo, que pretenden perpetuar.

Mentras Rueda acusa a Sánchez de non financiar escolas infantís en Galiza, hai apenas un ano a Consellería de Política Social devolveu ao Estado 22 dos 34 millóns de fondos europeos que lle enviara para crear máis de 3.000 prazas públicas en escolas infantís por non poder sufragar con eles aos centros privados.

Nin estamos de acordo cunha gratuidade que non distingue nin ten en consideración as rendas das familias usuarias nin tampouco estamos para pagarlle a escola infantil a familias que multiplican por 200 a renda media das persoas traballadoras. Aquí dá igual que cobres a RISGA ou que sexas Micaela Feijoo.

Tamén importa máis ben nada como estean atendidas as crianzas con estas ratios que impiden unha atención educativa de calidade.

Maltrátase ao persoal e préstase unha atención deficiente

E, o señor Rollán, presidente da patronal do sector, fala de inviabilidade dos centros que representa se se aproba este decreto. O que é inviable, señor presidente de AGADEI, é o estar unha traballadora a cargo de 8 crianzas de menos dun ano, ou ao fronte dunha aula con 13 crianzas de menos de dous anos ou de 20 menores de até tres anos.

Cocientes por educador/a e grupo e idade

 

  Aula 0-1 anos Aula 1-2 anos Aula 2-3 anos
DINAMARCA 1 educadora: 3 crianzas 1 educadora: 3 crianzas

1 educadora: 6 crianzas

REINO UNIDO 1:3 1:3 1:4//1:5
BÉLXICA 1:5 1:8 1:8
ALEMAÑA (variable segundo o Lander Media Aprox.) 1:3 1:5 1:5
GALIZA 1:8 1:13 1:20
PROPOSTA MODIFICACIÓN MARCO ESTATAL 1:4 1:6 1:8

 

A proposta de baixada de ratios é unha pedra no camiño nos seus plans de deixar a educación 0-3 en mans privadas?

Se o negocio non dá...temos solucións: cobren polo servizo que prestan, pero que non o paguemos toda a cidadanía