Emprego Público pasa outra vez o rolo e aproba varios procesos selectivos co voto en contra de todas as organizacións sindicais
Na Comisión de Persoal (CP) do 23 de xullo constátase unha vez máis o desprezo negociador da Dirección Xeral de Emprego Público (DXEP) que usa ás organizacións sindicais, representantes lexítimos do persoal da Xunta de Galiza, como meros correctores da documentación ao non terse en conta ningunha das alegación presentadas, sendo finalmente aprobadas con pequenos cambios por maquillaxe e/ou erros das versións iniciais remitidas.
Procesos selectivos aprobados, máis non negociados:
- A1, escala de enxeñeiros, especialidade de enxeñaría agronómica
- A1, escala de sistemas e tecnoloxía da información
- A2, escala de enxeñeiros técnicos, especialidade de enxeñaría técnica agrícola
- A2, escala de enxeñeiros técnicos, especialidade de enxeñaría técnica de obras públicas
- A2, escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade de arquivos
Dende a CIG votamos en contra, ao igual que as demais OOSS en base ás seguintes argumentacións:
- Defendemos concurso-oposición
- Concordamos con permitir promoción interna horizontal e vertical dende calquera escala. Pero queremos co 50% da oferta, e separada
- Non estamos de acordo en que o 3º exercicio sexa de desenvolvemento escrito de temas, e de mantelo solicitamos que teña un peso da metade do dos demais exercicios
Rexistro do persoal funcionario habilitado e asistencia para a identificación e a sinatura electrónicas
A DXEP tamén trouxo á CP o proxecto de decreto polo que se regula o Rexistro do Persoal Funcionario Público Habilitado e a asistencia para a identificación e a sinatura electrónicas no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.
A CIG entende que a creación deste Rexistro vén derivado dunha obriga legal, polo que nese senso non temos nada que obxectar, máis quixemos deixar constancia da inquedanza que nos traslada o persoal que, en atención ao disposto no artigo 5 do decreto, vai ser incluído no antedito Rexistro.
Esa inquedanza radica en que o seu número de documento de identidade, un dato sensible segundo o criterio da Axencia Española de Protección de Datos (AEPD), vai quedar exposto ante as persoas que exerzan o seu dereito a seren asistidas no uso de medios electrónicos nas súas relacións coa Administración en todas as súas vertentes.
Atendendo ao disposto no informe da AEPG 88/2020 e na que a propia Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galiza, xa recolle a posibilidade de emisión de certificados dixitais de pseudónimo para determinados colectivos de persoal empregado público, entendemos que esa posibilidade podería facerse extensiva tamén ao persoal que vai ser inscrito no citado Rexistro.
Quedan en valorar esta inquedanza.