Nesta xuntanza por parte da CIG solicitamos que o persoal que actualmente non fai quendas poida manter a súa situación até que a praza quede vacante; insistimos na urxencia de abrir a negociación integral das condicións de traballo da escala de Recursos Naturais e Forestais; e reiteramos a nosa solicitude de abril para abrir unha negociación global sobre quendas, domingos e festivos, roupa de traballo, formación, descansos e desigualdades retributivas. Opoñémonos á esixencia da titulación de Dereito para a xefatura de sección xurídica, e demandamos que antes de crear ou modificar postos se nos informe das cargas de traballo, se faciliten aclaracións e se corrixan erros, ademais de homoxeneizar os servizos de persoal das catro provincias.
A respecto da proposta de modificación da RPT da Consellaría do Medio Ambiente e Cambio Climático que a Administración trouxo á mesa de negociación, coa finalidade de adaptar a estrutura do persoal ás necesidades actuais e anticipar a dotación de recursos para a futura Lei de administración ambiental simplificada de Galiza, o noso posicionamento foi o seguinte:
Recoñecemento retributivo das quendas do persoal de campo
- Valoramos positivamente a compensación económica prevista para o persoal dos centros de recuperación de fauna e piscifactorías, pero solicitamos que o persoal que actualmente non realiza quendas poida manter a súa situación até que a praza quede vacante.
- Porén, insistimos na urxencia da apertura dun proceso de negociación integral das condicións de traballo do persoal da escala de Recursos Naturais e Forestais.
- Reiteramos a necesidade de abrir unha negociación global sobre quendas, domingos e festivos, roupa de traballo, formación, descansos e desigualdades retributivas, entre outros aspectos. Lembramos que esta petición foi rexistrada no mes de abril e continúa sen resposta.
Reserva da xefatura de sección xurídica para persoas tituladas en Dereito
- Amosamos o noso rexeitamento a esta limitación por considerar que exclúe de forma inxustificada persoal do corpo superior da Administración Xeral e vulnera os principios de igualdade, mérito e capacidade.
Organización dos servizos
- Solicitamos corrixir erros da documentación, homoxeneizar os servizos de persoal das catro provincias e facilitar datos sobre as cargas de traballo antes de crear ou modificar determinados postos.
- Tamén reclamamos aclaracións sobre diversos postos afectados pola modificación.
Respostas da Consellaría de MACC
- Recoñece a necesidade de negociar as condicións do persoal de campo, pero non fixa ningunha data para iniciar esa negociación.
- Mantén a esixencia da titulación en Dereito para a nova xefatura de sección.
- Rexeita que o persoal que actualmente non fai quendas poida conservar as súas condicións, alegando que o cambio "non é á carta". Na CIG observamos que si se manteñen condicións do persoal en prazas de xefaturas de sección de persoal provinciais até que queden vacantes. Por que se aplican criterios tan diferentes?
- Admite que existen desigualdades retributivas entre postos equivalentes, pero anuncia que non fará equiparacións á alza, senón que aplicará modificacións cando os postos queden vacantes.
A vindeira reunión celebrarase na primeira quincena de setembro.
Compartimos convosco a documentación para recompilar as vosas achegas.
Contacta con nós para mais información!