Ademais de tratar os asuntos da orde do día, nesta xuntanza, após a nosa protesta, quedou fixado o 21 de outubro para comezar a negociar o acordo do PND. Repetimos a petición de que se dean destinos adaptados para persoal con discapacidade intelectual; preguntamos pola toma de posesión para corpos xerais e escalas sociais o mesmo día 15 de setembro e por se nas escalas de infantil e persoal auxiliar coidador se mantén no 1 de setembro. Aclaramos se haberá cesamentos de persoal interino e confírmannos a elección de destino de animación sociocultural en setembro. Ademais, denunciamos o mal funcionamento do aplicativo de elección de destinos, e preguntamos polas solicitudes de carreira que aínda seguen «en trámite» e pola situación das embarazadas en risco biolóxico na toma de posesión.

Negociación do acordo de PND

  • Na Comisión de Persoal manifestamos o noso total desacordo con que nos convoquen a votar a RPT de Educación cando mesa tras mesa de negociación non traen unha data para comezar a negociar o acordo das condicións de traballo do persoal non docente (PND). Así que, tras dar plantón, aceptan datar no 21 de outubro a primeira reunión para o acordo. Sen tempo non era!

Destinos adaptados para o persoal con discapacidade intelectual

  • Levamos anos pedindo que unhas persoas que ocupan destino provisional con discapacidade intelectual, rogan non continuar nos institutos de educación secundaria nos que están e que se lles oferten uns destinos adaptados.
  • En mesas anteriores a DXEP indicou que a elección de destino definitiva será no último trimestre do ano, e que mentres tanto, para que non teñan que incorporarse o día 1 nos institutos de educación secundaria, poderían usar a fórmula da comisión de servizo.
  • Preguntamos na mesa como vai está xestión e din que están revisando todo isto ao xa estar adxudicados os destinos dos corpos xerais; que tentarán resolver, pero que non teñen información máis detallada.

Vindeiras adxudicacións de destino

  • Preguntamos se teñen en conta que as escalas sociais e os grandes centros de Política Social teñen a toma de posesión o mesmo día que os corpos xerais (15 de setembro).
  • A directora di que non ve que sexa un problema que coincidan cesando e tomando posesión, porque é pouco o persoal administrativo que hai nos centros de Política Social.
  • No caso das escalas de infantil e persoal auxiliar coidador preguntamos, tamén, se manteñen a data da toma de posesión (1 de setembro), xa que está anunciado o inicio de curso con alumnado o 7 de setembro, e como dispoñen de 15 días para incorporarse pode darse a circunstancia de que non poidan prestar o servizo nos centros.
  • Dende a CIG insistimos en varias ocasións, por diferentes medios, que o inicio de curso nas escolas infantís con alumnado debería ser o 15 de setembro.
  • Ante isto a DXEP di que entre o 7 e o 14 publicarán a adxudicación de destinos nestas escalas e que tamén sairá a listaxe de novas aprobadas, para que na segunda quincena poidan participar no segundo acto de elección de destino.

Posíbeis cesamentos de persoal interino

  • Outra cuestión que tamén preocupa é en relación aos cesamentos do persoal interino que ocupa vacante, pero non colle praza.
  • Indican que estas persoas non cesarán se están ocupando un posto que non se ofertou no acto de elección de destinos.
  • O persoal substituto si que ten que cesar porque o obxecto de cobertura xa non continúa, sempre e cando cese a titular.

Escala de animación sociocultural

  • Na escala 20C8 (C1), de animación sociocultural, están pendentes de información sobre cando elixirán destino, xa que a lista de persoas aprobadas xa é de outubro do 2024.
  • Confirma a directora que será no mes de setembro.

Queixa oficial da CIG a respecto do aplicativo para as eleccións de destino

  • Con anterioridade a este mesa, na CIG rexistramos ante Emprego Público unha queixa sobre o aplicativo dos actos de elección de destino.
  • É un aplicativo que non facilita nada a xestión que teñen que facer todas as persoas aspirantes a elixir unha praza.
  • Os ficheiros txt dan problemas cando se cargan, e o sistema non indica de que problema se trata.
  • Se o persoal ordena por concello, o aplicativo pode desordenar todo o que se fixera previamente.
  • Se se ordena manualmente, tamén pode desordenar…
  • Todo un despropósito, sobre todo en corpos nos que xa pasamos de 800 persoas, e outros que quedan por vir.
  • Tamén pedimos que suban ao web a folla de cálculo coa listaxe de postos, para facilitar a elaboración do ficheiro txt.
  • A DXEP responde que revisarán o aplicativo e nada máis.

Solicitudes de carreira profesional «en trámite»

  • Aínda hai solicitudes da carreira profesional que no Fides aparecen como «en trámite».
  • A DXEP recoñece que si, que están finalizando, e que, en principio, a vindeira semana informarán das solicitudes  estimadas e as desestimadas que faltan.

Toma de posesión e risco biolóxico das traballadoras embarazadas

  • No caso das escolas infantís, por prevención debido ao risco biolóxico, as embarazadas son apartadas do posto de contado.
  • Moitas delas están nesta situación no momento da toma de posesión e é importante saber como teñen que proceder, se é que teñen que tramitar algo. 
  • Emprego Público considera que non hai que iniciar trámites dende cero, pero que non está de máis trasladar por sede da Xunta esta situación para que a teñan en conta nas unidades administrativas.
  • Tamén pasaría o mesmo coas prestacións por coidado de menores con enfermidades graves (COMEs).