Galiza non ten unha taxa de baixas superior á doutras comunidades, senón unha duración media das incapacidades temporais desproporcionada, debido ás listaxes de agarda do Sergas, que bloquean as recuperacións; motivo polo que a CIG esixe a derrogación de calquera medida penalizadora da incapacidade temporal do persoal empregado público e o reforzo da atención sanitaria pública 

Dende a CIG queremos agradecerlle publicamente á Xunta de Galiza o seu esforzo pedagóxico tratando de convencernos de que as persoas empregadas públicas somos unhas «lacazanas». Lamentamos estragarlle o relato, pero o Informe do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galiza (Idega) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) vén de deixar á Administración sen argumentos. 

O estudo científico da USC revela que Galiza non ten unha taxa de entradas de baixas superior á doutras comunidades, senón unha duración media das incapacidades temporais desproporcionada: 82,85 días de baixa en Galiza fronte aos 45,93 do conxunto do Estado. A causa? Non é que no país nos entrara unha alerxia repentina ao traballo, senón o «deporte naciona» de ter que agardar por unha cita médica.

A Xunta chama «absentismo» ao que en realidade é «presentismo na listaxe de agarda»: a persoa traballadora está desexando volver ao seu posto, pero a cita coa especialista dorme o sono das xustas nun caixón do Sergas. Basicamente, a Administración penaliza á persoa empregada pola lentitude da que a propia Administración é culpábel. 

Uns «pequenos» detalles que a Xunta esquecera mencionar

  1. O colapso do Sergas como medicina preventiva: se tes que agardar catro meses por unha resonancia, a baixa dura catro meses e medio. Matemática pura, non falla de ganas.
  2. A «austeridade» que enferma: cadros envellecidos, poboación traballadora envellecida. Galiza é a segunda comunidade con menor esperanza de vida saudábel ao nacer, o que require maiores tempos de recuperación biolóxica ante calquera enfermidade. Vacantes sen cubrir —a falla de cobertura de vacantes na Administración xera sobrecargas de traballo—, o estrés crónico e as patoloxías  derivan en procesos de incapacidade máis longos. Sorprendentemente..., sobrecargar ao persoal e non substituír as baixas non mellora a súa saúde mental nin física.

O que esiximos dende a CIG —ademais de que deixeen de botarlle a culpa á vítima

  • Derrogar calquera medida penalizadora na incapacidade temporal do persoal empregado público.
  • Reforzar a atención sanitaria pública (Sergas) para eliminar as listaxes de agarda que bloquean a recuperación do persoal.
  • Menos propaganda e máis axilidade nas probas diagnósticas e altas médicas: curar antes para traballar antes.
  • Axilizar a xestión administrativa e a tramitación de altas e probas médicas no sector público.
  • Menos estigmatización e máis xestión: fin inmediato ás campañas e penalizacións contra o persoal por mor dunhas cifras de «absentismo» que a propia Xunta infla cos seus atrasos. 
  • Cobertura de vacantes: deixar de empregar a falla de persoal como método de aforro á custa da saúde das persoas que quedan. 
  • Respecto aos datos: aceptar que o problema non é a vontade da persoa traballadora, senón a incapacidade da Administración para xestionar a súa propia casa. O informe das expertas advirte que os indicadores habituais sobre «absentismo» están completamente sobreestimados e distorsionados pola durabilidade dos procesos e non por un número elevado de ausencias.

UNHA DE TANTAS MARABILLAS DA ADMINISTRACIÓN...