A Xunta asigna dous cursos simultáneos de teleformación ao persoal da Secretaría Xeral da Lingua, contratado a media xornada
A CIG esixiu á Secretaría Xeral Técnica da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude a ampliación inmediata e con efectos retroactivos da xornada do persoal titulado superior lingüista da Secretaría Xeral da Lingua para garantir os cursos LAG/LXG da EGAP iniciados o 1 de setembro.
Cada lingüista ten asignados este semestre, de xeito simultáneo, dous cursos de teleformación, o dobre do que viña atendendo, malia ter unha xornada parcial.
Cada curso conta con 25 participantes e unha tarefa semanal por persoa. Segundo a estimación do colectivo, corrixir as 25 tarefas pode requirir ao redor de 17 horas semanais por curso. Dous cursos representarían unhas 34 horas só de corrección, ás que se deben engadir foros, consultas privadas, materiais, incidencias e demais tarefas de titorización.
Na xuntanza do 8 de setembro, a CIG advertiu de que esta carga non pode atenderse axeitadamente cunha media xornada e de que os atrasos se acumularán durante todo o curso, con consecuencias para o persoal, o alumnado e a calidade da formación.
A Administración presentou unha proposta de acordo sen achegar un estudo das cargas de traballo que permita comprobar canto tempo require cada modalidade de curso. Tampouco facilitou informes sobre demanda, financiamento, impacto de xénero ou custo da ampliación dos postos.
A CIG rexeita que se fixe automaticamente un número de cursos sen computar a preparación, titorización, corrección, avaliación, atención ao alumnado, materiais, coordinación, incidencias e reclamacións.
A Secretaría Xeral Técnica defendeu que as horas complementarias poden calcularse en cómputo anual. Porén, o acordo non pode declararse, sen máis, un título suficiente para exixilas. Deben respectarse os límites, o pacto escrito cando proceda, o preaviso, o rexistro, a retribución, a cotización e os supostos de renuncia do artigo 12.5 do Estatuto das persoas traballadoras.
As necesidades permanentes non poden cubrirse mediante horas complementarias habituais. A CIG reclama a xornada completa, a prestación durante os doce meses e a modificación da RPT.
Dende a CIG urximos á Xunta a actuar antes de que a sobrecarga provoque o colapso dos cursos que xa están en marcha!
