Esiximos a convocatoria urxente da Mesa de seguimento do Acordo das condicións de traballo e avances na xubilación anticipada e a inclusión na xuntanza do 24 de setembro das especializacións e da actualización do Acordo de condicións de traballo, ao tempo que denunciamos a total falla de planificación de Defensa do Monte para o dispositivo de incendios ante o posíbel outono cálido e seco que prolongaría o risco de lumes forestais.
Convocatoria urxente da Mesa de seguimento do Acordo de condicións de traballo e avances na xubilación anticipada
Na CIG lamentamos a falla de resposta da Consellaría do Medio Rural ás reivindicacións das escalas de enxeñaría forestal, un persoal que desempeña funcións esenciais na planificación e xestión forestal, na coordinación do dispositivo e na loita contra os incendios forestais.
Após as reunións mantidas nos meses de maio e xuño para abordar diferentes cuestións que preocupan a este colectivo, dende a CIG sinalamos que a conselleira do Medio Rural convocounos a unha xuntanza para o vindeiro 24 de setembro. Porén, a orde do día limita a reunión unicamente á cuestión da aplicación de coeficientes redutores para facilitar a xubilación anticipada.
Convocatoria da Mesa de seguimento do Acordo das condicións de traballo do persoal técnico
Na CIG resúltanos incomprensíbel que fiquen fóra desta convocatoria outras reivindicacións prioritarias para o persoal técnico, como as especializacións ou a actualización do Acordo de condicións de traballo.
Esta situación non é nova. O 6 de marzo do 2024 as organizacións sindicais —coa excepción de CCOO— solicitamos formalmente a convocatoria da Mesa de seguimento do Acordo de condicións de traballo do persoal técnico. Trátase dun acordo que data de 2008 e que, despois de case dúas décadas, precisa dunha revisión e actualización que dea resposta á realidade actual destes postos de traballo.
Na CIG tampouco entendemos que as persoas responsábeis da Consellaría do Medio Rural manteñan reunións con outras escalas, grupos e categorías que forman parte do dispositivo de prevención e extinción de incendios forestais e, pola contra, non atendan do mesmo xeito as escalas de enxeñaría forestal. Este persoal asume importantes responsabilidades na planificación do territorio, na coordinación, na xestión forestal e na propia extinción dos incendios.
Esta falla de atención resulta aínda máis preocupante cando o executivo galego vén insistindo publicamente na necesidade de investir e reforzar a prevención dos incendios forestais. Fronte a estas declaracións, dende a CIG advertimos de que na Dirección Xeral de Defensa do Monte existen dúas prazas dependentes da Subdirección Xeral de Prevención que levan meses sen estar ocupadas.
Xubilación anticipada e coeficientes redutores
O 14 de setembro de 2026 a CIG rexistrou perante a Secretaría Xeral Técnica do Medio Rural e a Dirección Xeral de Emprego Público e Persoal un escrito no que solicitamos a modificación da normativa de emprego público necesaria para facilitar a xubilación anticipada do persoal técnico mediante a aplicación dos correspondentes coeficientes redutores.
Esta será unha das cuestións que o noso sindicato trasladará á conselleira na reunión do día 24 de setembro, na que tamén reclamaremos que se desbloquee dunha vez a situación do colectivo e que se convoque, coa máxima urxencia, a Mesa de seguimento do Acordo do persoal técnico, ademais de que se cumpran os compromisos adquiridos pola Administración a respecto das restantes reivindicacións pendentes.
Incerteza ante o remate das gardas o 30 de setembro
Dende a CIG advertimos á Consellería de que o 30 de setembro rematan os 4 meses de gardas deste persoal sen que, a día de hoxe, se coñezan as previsións da Dirección Xeral de Defensa do Monte a respecto do dispositivo de incendios para as semanas posteriores.
Esta falla de planificación resulta especialmente preocupante ante a posibilidade de que se produza un outono cálido e con poucas precipitacións, circunstancia que podería prolongar o risco de incendios forestais máis alá do período habitual.
Por todo isto, a CIG esíxelle á Consellaría do Medio Rural que deixe de adiar os problemas do persoal técnico de enxeñaría forestal, que abra unha interlocución efectiva co colectivo e que dea resposta ás cuestións laborais e organizativas que levan anos pendentes.
