A Xunta publicou en DOG o mércores 30 a convocatoria para a elección de destino de diversas escalas de C1-C2-AP (mantemento, RRNN, cociña, condución, análise de laboratorio e limpeza).

Inmediatamente detectamos numerosos erros na relación de postos ofertados, incluíndo códigos repetidos, polo que falamos con persoas responsábeis da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP). Unha vez que aceptan que hai erros, informan que o luns publicarán en DOG unha corrección de erros.

Aínda que o sindicato CCOO xa difundiu información de que habería ampliación de prazo, dende a DXEP negan que eles confirmaran tal afirmación. Non desbotan a posibilidade, pero rexeitan que xa confirmaran a ampliación.

A CIG esixe que ABSOLUTAMENTE TODAS AS PRAZAS VACANTES sobrantes do concurso se ofrezan neste acto de elección de destino.

A CIG esixe á DXEP que oferte a totalidade das prazas vacantes no proceso de elección de destino definitivo publicado pola Resolución do 24 de setembro. Non aceptamos que a Dirección Xeral decida arbitrariamente que prazas se ofertan e cales se gardan, obrigando ás persoas que superaron un proceso selectivo a cambiar de domicilio ou asumir longos desprazamentos mentres existen vacantes próximas.

Tampouco aceptamos que se oferten prazas con xornada reducida mentres se gardan prazas vacantes a xornada completa. As persoas que gañaron unha praza teñen dereito a unha oferta de destinos ampla e transparente, non a unha oferta condicionada polas decisións da Administración.

E por se isto fose pouco, a relación publicada está chea de erros e códigos duplicados, xerando unha situación de auténtico caos e dificultando a elección de destino. A CIG esixe unha corrección inmediata da relación de prazas e a ampliación do prazo de elección, para que ninguén pague os erros da Administración.

Todo isto podería terse evitado. A CIG leva reclamando reiteradamente acceso aos buzóns de prazas antes da súa publicación, precisamente para poder detectar e corrixir erros. A Administración negouse.

Agora os erros están publicados e quen paga as consecuencias é o persoal.

A CIG esixe que se corrixa de inmediato a oferta, se incorporen todas as vacantes que correspondan, se eliminen os erros e duplicidades e se amplíe o prazo de elección.

Basta de opacidade e de decisións arbitrarias. As prazas vacantes son da Administración pública e deben estar á disposición do persoal que gañou o seu posto.